A Fundación Juana de Vega vén de reforzar a súa capacidade para impulsar proxectos europeos. A Fundación figura entre as 50 entidades propostas para financiamento na convocatoria GPE2026 da Agencia Estatal de Investigación (AEI), destinada á preparación e xestión de proxectos europeos e á atracción de talento internacional.
Esta achega permitirá reforzar a estrutura e os recursos destinados á captación, preparación e xestión de novas iniciativas europeas, consolidando unha liña de traballo estratéxica para a entidade.
A selección sitúa ademais á Fundación Juana de Vega nunha convocatoria cunha forte presenza de universidades, centros tecnolóxicos, organismos públicos e fundacións de investigación, principais actores do sistema español de I+D+i.
Neste sentido, o apoio contribuirá, por unha parte, a ampliar a participación da Fundación Juana de Vega en novos programas europeos de cooperación e innovación e, pola outra, a fortalecer a súa capacidade para desenvolver novos proxectos en colaboración con socios nacionais e internacionais.
Actualmente, a entidade ten proxectos activos financiados ou cofinanciados nas convocatorias de Interreg (DOWN TO EARTH), Interreg Sudoe (ECOSPHEREWINES, I-ReWater, SOIL&WINERESIDUES), POCTEP Interreg España-Portugal (PAISACTIVO, GREENSEED), Horizonte Europa (BIOservicES), LIFE (EC4RURAL) e varios grupos operativos autonómicos (OLIVEIRAS DE GALICIA, AVEA MOURA, REDE DE GRANXAS MODELO) e supraautonómicos (TERRANOVA) beneficiarios nas convocatorias da AEI-Agri (Axencia Europea de Innovación), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, cofinanciados á súa vez polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

