Grupo Operativo AVEA MOURA | Recuperación e valorización de aveas negras autóctonas galegas

O GRUPO OPERATIVO AVEAS MOURAS busca impulsar a recuperación de variedades tradicionais de avea negra de Galicia mediante a revalorización do cereal a través da transformación en produtos de alto valor engadido como pans especiais, cosméticos e novos alimentos fermentados.

Con este proxecto de I+D+i búscase recuperar e aproveitar o potencial das aveas negras (Avea Strigosa) autóctonas de Galicia para poñer en valor as súas características agronómicas especiais. Principalmente, a súa rusticidade, o seu cultivo en condicións de baixos insumos e o seu alto contido en compostos antioxidantes de elevado valor biolóxico (avenatramidas).

No marco deste Grupo Operativo tamén se testarán 3 posibles vías de valorización do cereal en produtos de alto valor engadido. En concreto, valorarase o potencial da avea negra para a produción de novos alimentos fermentados, de pans e de cremas cosméticas con valor funcional, analizando calidade organoléptica e poder antioxidante.

Nunha primeira fase, o proxecto estudará as características morfolóxicas e agronómicas de variedades tradicionais conservadas en bancos de xermoplasma galegos cando son cultivadas en ambientes representativos de diferentes zonas de Galicia. En paralelo, analizarase a composición do gran en compostos antioxidantes como avenatramidas, beta-glucanos e tocoles, e estimarase o seu poder antioxidante con probas específicas.

Aquelas variedades co mellor comportamento agronómico e as mellores características en canto a composición do gran serán as seleccionadas para as liñas de valorización propostas.

Ademais, esta investigación contribuirá a conservar a nosa biodiversidade agraria, integrada no patrimonio da humanidade, e dar un paso máis aló da súa conservación en bancos de xermoplasma.

Quen somos?
O consorcio desta investigación aplicada, liderado pola Misión Biológica de Galicia (CSIC), está formado pola Fundación Juana de Vega, a Cooperativa Muuhlloa, o restaurante Culler de Pau e conta coa colaboración do CIAM da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) - Consellería de Medio Rural, do Instituto Ourensano de Desarrollo (INORDE) e de Panadería Dacuña.

Como imos alcanzar os nosos obxectivos?
Este Grupo Operativo AVEA MOURA enmárcase nunha das áreas e actuación da AEI-AGRI, que ten como fin “mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a reestruturación e modernización destas para incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

Neste contexto, este Grupo Operativo AVEA MOURA permitirá [ver aquí infografía]:

  • Contribuír ao mantemento da diversidade de cultivos e alimentos saudables mediante a recuperación da A. strigosa en Galicia a partir da selección de variedades tradicionais rústicas e o desenvolvemento de novos produtos de alto valor funcional.
  • Coñecer a produción de gran, forraxe e outros caracteres agronómicos nunha mostra representativa de variedades tradicionais galegas da A. strigosa cultivadas en condicións de baixos insumos en ambientes característicos da comunidade galega.
  • Optimizar procedementos para o desenvolvemento de novos produtos funcionais derivados do gran de variedades tradicionais da A. strigosa de alto valor engadido
  • Valorizar o potencial comercial dos novos alimentarios de cosméticos desenvolvidos.
GOAveaMoura_infografia_detalle

Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega é a entidade responsable da comunicación do Grupo Operativo AVEAS MOURAS e, ademais, presta soporte ao beneficiario principal na coordinación administrativa do proxecto.

Programa financiador
O Grupo Operativo AVEA MOURA: Recuperación e valorización de aveas negras autóctonas galegas foi un dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.

Duración
1 de setembro de 2023 ao 30 de setembro de 2026

Orzamento total
179.451,00€

Datos de contacto
FundaciónJuana de Vega
Avenida Salvador Allende, 92
15176 San Pedro de Nós (Oleiros, A Coruña)
T. 981 654 637 | info@juanadevega.org
Linkedin | X | Facebook/Facebook | Instagram