
O Grupo Operativo Supraautonómico TERRANOVA impulsa a remuda xeracional agraria mediante a creación e o fortalecemento de ecosistemas territoriais de apoio. O proxecto desenvolverase en tres territorios piloto: Condado-Paradanta en Galicia; Narcea en Asturias; e Busturialdea-Urdaibai en Euskadi, e aspira a escalar as aprendizaxes a outras rexións do territorio nacional. O seu obxectivo é mellorar as condicións para asegurar a continuidade das explotacións existentes e facilitar a incorporación de novas persoas ao sector, a través dun modelo de acompañamento integral, territorial e colaborativo.
A iniciativa aborda o reto demográfico que afronta o medio rural, marcado polo envellecemento das persoas titulares das empresas agrarias e pola falta de continuidade familiar, o que pon en risco a continuidade de numerosas explotacións, co consecuente abandono da contorna e das terras agrarias. Isto afecta á conservación da paisaxe, á biodiversidade, ao mantemento dos recursos naturais e á prevención de grandes incendios forestais.
Para responder a este desafío, TERRANOVA reforzará as capacidades das entidades que acompañan os procesos de remuda e promoverá unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados presentes en cada territorio. O proxecto conectará servizos e recursos relacionados co acceso á terra, a formación, o asesoramento, o financiamento, a viabilidade empresarial e outros factores que inflúen na continuidade ou posta en marcha dunha explotación.
Os ecosistemas territoriais permitirán acompañar de forma máis estruturada e personalizada tanto a remuda familiar como a transmisión de explotacións a novos emprendedores. O proxecto promoverá a transición agroecolóxica, a diversificación e a posta en marcha de novos modelos de negocio, xerando emprego e valor engadido no rural.
O proxecto dá continuidade ao traballo desenvolvido polo Grupo Operativo TERRACTIVA, unha iniciativa na que participou a Fundación Juana de Vega e que traballou na mellora do acceso de novas persoas ao sector agrario e no desenvolvemento de ferramentas de apoio ao emprendemento agroecolóxico. Sobre esa base, o proxecto amplía o enfoque cara á construción de estruturas territoriais estables de acompañamento á remuda.
Quen somos?
O consorcio está integrado por sete entidades especializadas en desenvolvemento rural en diferentes áreas xeográficas e ámbitos de actuación:
- Fundación Juana de Vega (líder)
- GDR Condado Paradanta – Terra e Agua
- Red Asturiana de Desarrollo Rural (READER)
- GDR Alto Narcea Muniellos
- Amaterra
- ADR Urremendi
- Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA)
Como imos alcanzar os nosos obxectivos?
TERRANOVA porá en marcha tres ecosistemas territoriais piloto, liderados polo GDR Terra e Auga en Galicia, o GDR Alto Narcea-Muniellos en Asturias e a ADR Urremendi en Euskadi.
O proxecto comezará cun diagnóstico de cada territorio para identificar explotacións en risco de peche, oportunidades de remuda e barreiras de acceso ao sector. A partir de aí, estruturaranse e conectaranse os recursos existentes e reforzarase a capacitación dos axentes locais implicados no acompañamento.
Tamén se crearán espazos estables de colaboración entre organizacións agrarias, administracións, entidades de desenvolvemento rural, centros de formación, servizos de emprego e outros axentes vinculados ao territorio.
O proxecto porá en marcha tres portais SIG-Web interactivos que permitirán visualizar explotacións, recursos e oportunidades de remuda en cada territorio. Elaboraranse tamén tres catálogos territoriais de recursos de apoio á remuda agraria e tres guías prácticas de acompañamento á incorporación, adaptadas a cada contexto local. Ademais, crearanse tres incubadoras dixitais territoriais para apoiar proxectos de remuda e emprendemento agrario.
O proxecto acompañará directamente 30 proxectos de remuda ou incorporación agraria e contribuirá a mellorar as posibilidades de continuidade de 325 explotacións nos tres territorios piloto. As metodoloxías, ferramentas e aprendizaxes obtidas transferiranse posteriormente ao conxunto de Galicia, Asturias e Euskadi e poranse á disposición doutros territorios para favorecer a extensión do modelo a escala nacional.
TERRANOVA busca converter a remuda xeracional nunha oportunidade para manter a actividade agraria, recuperar terras, impulsar o emprendemento e reforzar a sostibilidade das zonas rurais.
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega é a entidade responsable da coordinación e dirección técnica do proxecto, así como das actuacións para a conexión dos axentes dos ecosistemas territoriais de apoio, o desenvolvemento de ferramentas dixitais para facilitar o acceso á información e a elaboración de recursos para acompañar a incorporación agraria. Tamén lidera as accións de capacitación dirixidas ás entidades e profesionais que prestan apoio á incorporación, e a implementación de incubadoras dixitais territoriais para dinamizar novos proxectos agrarios. Ademais, coordina a campaña de comunicación multicanle orientada a visibilizar as oportunidades de incorporación nos territorios piloto.
Programa financiador
O Grupo Operativo Supraautonómico TERRANOVA é beneficiario dunha axuda para a preparación e execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos da AEI-Agri, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

Duración
01/05/2026 - 30/04/2029 (36 meses)
Orzamento total
591.406,28€