Con este proxecto de I+D+i búscase poñer a punto e optimizar a gran escala técnicas ad hoc para multiplicación mediante estacaxe clásica e micropropagación in vitro de 11 variedades únicas de oliveiras autóctonas galegas que permitan prover aos viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas que cubran a alta demanda rexistrada no mercado polos novos agricultores galegos. Segundo datos do Ministerio de Agricultura (MAPA), desde 2009 a superficie cultivada destinada á oliveira aumentou un 279%.
No marco deste Grupo Operativo tamén se sentarán as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións situadas en diferentes puntos da nosa comunidade. En concreto, na propia Misión Biológica de Galicia (MBG), en Pontevedra, e na plantación experimental da Axencia Galega da Calidade Alimentaria na Pobra do Brollón (Lugo).
Por unha banda, a micropropagación in vitro supoñerá un recorte nos tempos para obter gran número de exemplares e no caso da estacaxe clásica, probaranse dous novos tipos de hormonas que favorezan o enraizamento da planta. Así mesmo, o establecemento das parcelas experimentais permitirá comparar o seu comportamento e, por último, o cultivo de exemplares xa adaptados ao solo e ao clima de Galicia permitirá obter olivas e aceite dunha calidade diferenciada respecto aos produtos existentes no mercado.
Ademais, esta investigación contribuirá a conservar a nosa biodiversidade agraria, integrada no patrimonio da humanidade, e dar un paso máis aló da súa conservación en bancos de xermoplasma.
Este proxecto representa un paso máis no estudo do oliveiral galego e as súas variedades iniciado en 2012 cun pequeno proxecto do CDTI (Inngal-Agromarsalud 2013), logo continuado polo grupo VIOR (MBG-CSIC) que, entre 2017 e 2023, obtivo o respaldo con fondos propios da Fundación Juana de Vega. En total, identificáronse e describíronse unhas 20 variedades autóctonas, aprobáronse dúas delas (Brava galega e Mansa galega), e o CSIC iniciou o rexistro doutras 11 a través da Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais (OCVV).
Quen somos?
O consorcio desta investigación aplicada, liderado pola Fundación Juana de Vega, está participado pola Misión Biológica de Galicia (CSIC), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural, as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra), e o laboratorio Cultigar, como colaborador externo.
Como imos acadar os nosos obxectivos?
Este Grupo Operativo enmárcase nunha das áreas e actuación da AEI-AGRI, que ten como fin “mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a reestructuración e modernización das mesmas para incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.
Neste contexto, este Grupo Operativo OLIVEIRAS DE GALICIA permitirá:
- Optimizar os procesos de multiplicación de material vexetal de oliveiras autóctonas galegas a través de dúas metodoloxías (estacaxe clásica e micropropagación in vitro) que pemitan dar resposta á crecente demanda de planta.
- Comprobar a adaptación á condicións reais de cultivo en campo das plantas procedentes dos dous tipos de multiplicación.
- Aproveitar as variedades de oliveiral autóctono galego, algunhas delas recoñecidas e en proceso de rexistro, como recursos agrarios únicos e exclusivos que ata agora non foron explotados e que presentan un interese potencial para o sector alimentario.
- Recuperar a medio prazo as explotacións agrarias actualmente abandonadas en moitas zonas de Galicia pola falta de alternativas, pero que reúnen as condicións adecuadas para o cultivo do oliveiral.
- Utilizar o cultivo e explotación con fins produtivos e como ferramenta para a conservación da biodiversidade deste recurso agrario.
- Recuperar o oliveiral galego, actualmente esquecido, pero con grande importancia e extensión en séculos pasados, producindo aceites de calidade, segundo se reflicte en diferentes documentos históricos.
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega é a entidade coordinadora do Grupo Operativo OLIVEIRAS DE GALICIA, ademais de responsable das tarefas de comunicación e de divulgación.
Programa financiador
O Grupo Operativo OLIVEIRAS DE GALICIA - Multiplicación a gran escala de oliveira autóctona (estacaxe clásica e micropropagación in vitro) foi un dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.
Duración
1 de setembro de 2023 ao 30 de setembro de 2026
Orzamento total
179.652,68€.
Datos de contacto
Fundación Juana de Vega
Rúa Salvador Allende, 92. 15176 San Pedro de Nós (Oleiros, A Coruña)
T. 981 654 637 | info@juanadevega.org
Linkedin | X | Facebook | Instagram