Biografía

FORMACIÓN e EDUCACIÓN LIBERAL

Primeiros anos

Dona Juana de Vega e Martínez naceu na Coruña o 7 de Marzo de 1805. Os seus pais -D. Juan Antonio de la Vega, de Mondoñedo, e Dª María Josefa Martínez, de Monforte de Lemos- instaláronse na Coruña despois de que o seu pai regresase de Cuba. Neste país, Juan Antonio de la Vega, de orixe moi humilde, fixera fortuna como empresario. Juana de Vega recibiu unha completa formación en Letras e Humanidades e inculcáronlle o gusto pola lectura e a cultura en xeral, que mantivo o resto da súa vida. A influencia dos seus pais resúmese facendo referencia aos dous eixos que marcaron a súa vida: a Juan Antonio de la Vega débelle a súa filla Juana o seu activismo político e a Mª Josefa Martínez a súa discreción e a súa paixón por axudar aos máis desfavorecidos.

No ano 1820, desde o balcón da súa casa na Rúa Real da Coruña viu por primeira vez ao seu futuro marido, o navarro Francisco Espoz y Mina, cando este entrou na cidade dacabalo e acompañado polo seu séquito, para tomar posesión como Capitán Xeral de Galicia. O xeneral, de modesta orixe campesiña, iniciara a súa carreira militar loitando como guerrilleiro contra a ocupación de España polo exército de Napoleón. As súas accións de armas convertérono nun heroe nacional.

Francisco Espoz e Mina, retratado por Goya
Isabel II, con 15 años de edad, tras ser coronada reina de España
Francisco Espoz y Mina, retratado por Goya

CONDESA DE ESPOZ Y MINA

Vida política

Juana de Vega e Espoz y Mina casaron o 25 de decembro de 1821. Dous anos despois, coa chegada dos Cen Mil Fillos de San Luís en apoio do rei absolutista Fernando VII, Espoz y Mina, un home de profundas conviccións liberais, exiliouse en Inglaterra. Juana de Vega reuniuse con el dous anos máis tarde. Ambos permaneceron fóra de España dez anos, ata 1833, case sempre en Inglaterra, aínda que con longas estancias en Francia para promover intentos de restauración da Constitución de Cádiz de 1812. A pesar da súa mocidade, Juana de Vega, grazas á súa discreción e facilidade para os idiomas, foi un importante apoio do seu marido.

O xeneral Espoz y Mina falece o 24 de decembro de 1836 en Barcelona, onde era Capitán Xeral de Cataluña. O Goberno concede á súa viúva o título de Condesa de Espoz y Mina. Poucos anos despois falece o seu pai e, como a súa nai xa o fixera en 1824, Juana de Vega herda o importante patrimonio familiar, que continuou xestionando con eficacia o resto da súa vida, o que a fixo estar en relación permanente coa actividade industrial e comercial.

Juana de Vega regresa a súa casa na Rúa Real da cidade da Coruña en abril do ano 1837. Os seus salóns serían o punto de reunión da sociedade liberal coruñesa e de notables que pasaban pola cidade. Converteu o seu fogar nun santuario da causa progresista, obtivo todos os permisos para manter o cadáver embalsamado do seu marido nunha habitación á que se accedía a través dun salón tapizado en verde, a cor dos liberais. Este conxunto, salón e oratorio, foron un lugar de culto para persoas afíns ás ideas que Juana de Vega, os seus pais e o seu esposo defenderon sempre.

Isabel II, con 15 anos de idade, tras ser coroada raíña de España.

A finais de 1840, Juana de Vega aceptou o cargo de Aia da raíña nena Isabel II e da súa irmá, a súa alteza a Infanta Luisa Fernanda. Como tal, foi responsable de supervisar o seu coidado e educación desde a súa toma de posesión en xullo do ano 1841. En outubro de 1842 foi nomeada tamén Camareira maior de Palacio, ambos os cargos foran sempre ocupados por mulleres da máis alta nobreza, o que lle xerou non poucas tensións na Corte. Permaneceu nestas ocupacións ata o 24 de xullo de 1843. Os seus anos no Palacio Real coinciden coa Rexencia do xeneral Espartero, cuxo goberno liberal tentaba dar un xiro máis moderno á formación da raíña e a súa irmá.

Libre das súas obrigas en Madrid, a Condesa de Espoz y Mina, regresou á Coruña, e esta casa converteuse outra vez en centro de reunións liberais, até o punto de que nalgunhas ocasións estivo sometida a vixilancia policial. Entón encargouse de axudar a redactar as Memorias do xeneral Francisco Espoz y Mina, que comezaron a publicarse no ano 1851. Juana de Vega tamén escribiu as súas propias memorias, centradas principalmente nos dous anos que estivo en palacio.

FILÁNTROPA E MECENAS

Cultura e apoio aos necesitados

En 1852, a Condesa de Espoz y Mina coñeceu a un mozo violinista, Pablo Sarasate, do que se convertería en protectora. Conseguiu que aquel neno de sete anos, de orixe navarra como o seu marido, dese un concerto no Circo de Artesáns coruñés e posteriormente sufragou todos os gastos dos seus estudos en Madrid. Sarasate foi un dos mellores músicos españois da súa época.

Outra mostra do seu mecenado cultural foi o seu apoio aos Xogos Florais de 1861, celebrados en Coruña, que constitúen un punto de partida do Rexurdimento, o movemento de recuperación do idioma galego para a actividade literaria, despois de séculos deixado de lado. O movemento, paralelo á Renaixença catalá, alcanza notoriedade a partir de 1863, ano no que Rosalía de Castro publica publica Cantares Gallegos. A gran poetisa, que viviu algún tempo na Cidade Vella de Coruña, tiña xa presentado algúns poemas no Álbum da Caridade publicado por mor daqueles Xogos Florais. Os ingresos da venda deste libro foron doados á Asociación de Beneficencia que presidía Juana de Vega.

Uns anos antes, entre 1853 e 1854, con ocasión da grave crise sanitaria provocada pola epidemia de cólera que arrasou a cidade, o alcalde pide a Juana de Vega que, a través da Asociación de Señoras que encabeza, mobilice ás damas da cidade e se faga cargo da dirección e mantemento do hospital provisional que foi preciso habilitar, así como de acoller baixo a súa tutela o novo Hospicio. Encomenda que Juana de Vega aceptou e na que se envorcou con especial paixón e empeño, arriscando a súa propia vida.

Litografía de Pablo de Sarasate.
Concepción Arenal.

Como recoñecemento ao seu labor, en novembro de 1854 concedéuselle o título de Duquesa da Caridade con Grandeza de España, que non quixo aceptar, porque, a pesar de todas estas distincións e do respecto do que gozaba, nunca esqueceu as orixes humildes da súa familia e do seu marido e mantívose afastada das festas de sociedade, non facendo gala dos seus títulos e dedicándose á axuda dos necesitados. Rexeitou mesmo a pretensión do Concello de levantarlle unha estatua, alegando que debían usarse eses recursos públicos en dar “pan e traballo”.

Foi amiga e deu o seu apoio de forma decidida a Concepción Arenal, a máis importante activista e pensadora social do século XIX español, que se trasladou á Coruña en 1863. En 1868, Juana de Vega coincidiu con esta ferrolá en reclamar publicamente peticións de indulto para os condenados á morte e en protestar pola supresión das Conferencias de San Vicente de Paúl, que axudaban aos pobres e que ao final o goberno revoga. Juana de Vega tamén intercedera en 1862 para pedir o indulto de dous protestantes condenados a pena de cárcere por motivos relixiosos.

O labor da Condesa de Espoz y Mina é fundamental para conseguir que Galicia chegue a contar cun Hospital Psiquiátrico moderno en Conxo (Santiago de Compostela). A idea orixinal foi dela, que tamén suxeriu a localización. Dedicou sete anos de esforzos a lograr a aprobación do proxecto, aínda que non se chegou a materializarse ata despois da súa morte. Comentando a súa longa loita, un xornal madrileño destacaba, de entre as numerosas virtudes da Condesa, “unha vontade perseverante”. Nesa mesma década, Juana de Vega impulsou e presidiu a delegación local da Cruz Vermella, a primeira gran ONG civil, cuxa Asemblea Internacional a nomeou socia de mérito.

Concepción Arenal

Compromiso para continuar o seu legado

Ao seu falecemento sen descendencia, o 22 de xuño de 1872, deixou a case totalidade dos seus bens para a constitución dunha Fundación co obxecto de crear unha escola de agricultura para mellorar a formación dos agricultores da provincia de Coruña. Na actualidade, a Fundación Juana de Vega continúa desenvolvendo actividades para contribuír ao desenvolvemento do medio rural de Galicia a través de diversas iniciativas relacionadas co sector agroalimentario, a formación e a investigación neste ámbito e en temas relacionados coa paisaxe e o territorio.

A Fundación ten a súa sede na casa grande A Carballeira de San Pedro de Nós, onde ela e a súa familia pasaban os veráns e onde planeou situar a escola de agricultura. Outras importantes mulleres coruñesas daquela época tiveron tamén unha historia persoal ligada ás súas casas de campo como a escritora e xornalista Fanny Garrido (Pazo de Lóngora) ou a gran novelista Emilia Pardo Bazán (Torres de Meirás). Durante a segunda metade do século XIX e as primeiras décadas do XX, no marco dunha España de total predominio masculino, coincidiron nesta cidade varias mulleres que tiveron gran relevancia.

Os restos de Juana de Vega e o corazón do seu marido, cuxo corpo foi trasladado para enterralo no claustro da catedral de Pamplona tras falecer a súa esposa, descansan no cemiterio coruñés de San Amaro, xunto cos seus pais, nun nicho en cuxa lápida figura a inscrición “Aquí xacen os restos mortais de D. Juan Antonio de la Vega, Dª Josefa Martínez e Dª Juana Mª de la Vega e Martínez, viúva do Xeral D. Francisco Espoz y Mina, cuxo corazón se acha aquí”.