O Grupo Operativo Rede Modelo ten como obxectivo analizar os modelos produtivos de Galicia en cada un dos sectores máis relevantes do noso agro. Tras esta análise, establecerase unha rede piloto de granxas que permitirá recoller de forma continuada datos técnico-económicos para a monitorización dos custos de produción, que son clave para garantir a viabilidade económica das explotacións. O sector escollido para o establecemento desta rede piloto é o de vacún de carne.
Cada Granxa Modelo representaría o sistema de produción máis común en Galicia (por tamaño, manexo e rendementos), cunhas características similares en termos de ingresos e custos, é dicir, trátase de dispoñer dunha mostra representativa do sector estudado.
O GO traballará conxuntamente cos gandeiros para mellorar a xestión técnico-económica das explotacións, fomentando dinámicas orientadas á mellora da profesionalización o que se traducirá nun aumento da rendibilidade e na garantía da viabilidade das granxas.
Quen somos?
O consorcio deste Grupo Operativo, liderado pola Fundación Juana de Vega, está integrado polo Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia e a Cooperativa A Carqueixa e conta como colaborador externo co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
Socios
Colaboradores
Que queremos acadar?
• Caracterizar e analizar os modelos produtivos propios de Galicia nos sectores máis relevantes do agro galego.
• Mellorar a capacitación dos xefes das explotacións e asesores agrarios para contribuír a mellorar a eficiencia nos procesos produtivos e a rendibilidade económica, procurando, ao tempo, unha menor dependencia dos insumos externos e así lograr un proceso produtivo cunha menor pegada medioambiental.
• Aumentar a transparencia nas relacións comerciais entre os elos da cadea alimentaria, fortalecendo a capacidade de negociación dos produtores, a través do uso dos custos de produción como indicador para a negociación dos contratos.
• Ofrecer información actualizada e contrastada ao Observatorio da Cadea alimentaria de Galicia e ao Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais da Consellería do Medio Rural para que este poida desempeñar mellor as súas funcións de control e axudar no cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.
• Contribuír á dixitalización do sector produtivo de vacún de carne de Galicia e impulsar o uso da aplicación de cálculo de custos Conta Carne entre os gandeiros.
Como imos acadar os obxectivos?
- Definindo un modelo produtivo típico para cada un dos sectores gandeiros máis relevantes do agro galego.
- Establecendo redes sectoriais.
- Calculando e analizando os custos de produción do sector de vacún de carne.
O Grupo Operativo comezará a traballar polo vacún de carne, un sector clave para a economía rural galega, vinculado ademais a indicacións de calidade diferenciada, pero que na actualidade é un sector desestruturado e pouco profesionalizado en comparación con outros sectores do agro galego.
Unha vez finalice o proxecto, a rede de granxas piloto porase a disposición da administración para que, se se dá o caso, continúen coa rede ou a amplíen a outros sectores gandeiros como o vacún de leite, ovino-caprino e porcino.
Neste contexto, este Grupo Operativo Rede Modelo permitirá:
• Definir os modelos de produción típicos de Galicia para cada un dos sectores gandeiros máis relevantes.
• Poñer en marcha unha Rede de Granxas Modelo que cumpran os estándares definidos como típicos do sistemas de produción de carne de vacún de Galicia.
• Elaborar tres estudos de custos de produción (un estudo por ano) do vacún de carne co fin de fornecer de información fiable que permita incrementar o nivel de transparencia nas relacións comerciais e garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.
• Proporcionar información útil para os gandeiros que permita unha mellora na xestión técnico económica destas, garantindo a súa viabilidade e sustentabilidade.
• Mellorar a aplicación Conta Carne para dotala de funcionalidades para mellorar as comparativas, facilitando a xeración de métricas e informes.
• Contribuír ao cumprimento dunha das medidas previstas na Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia.
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega coordina o Grupo Operativo Rede Modelo, é responsable das tarefas de difusión e de divulgación de resultados e participa nas accións de definición das granxas tipo e na creación da Rede de Granxas Modelo de vacún de carne.
Programa financiador
O Grupo Operativo foi un dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.
Duración
Do 1 de setembro de 2024 ao 30 de setembro de 2026
Orzamento total
139.900,70€
Datos de contacto
Fundación Juana de Vega
Rúa Salvador Allende, 92. 15176 San Pedro de Nós (Oleiros, A Coruña)
T. 981 654 637 | info@juanadevega.org
Linkedin | X | Facebook | Instagram