CAPRIF-CC | Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático

Impulso a unha nova perspectiva para a xestión multifuncional do monte en Galicia e en Asturias desde a óptica da economía verde, baseándose en procesos participativos

Proxecto CAPRIF-CC_logotipo, Fundación Juana de Vega

CAPRIF-CC traballará coas comunidades rurais de ámbitos de alto valor natural e/ou áreas queimadas de Galicia e Asturias para co-crear iniciativas innovadoras de xestión multifuncional do monte que sexan compatibles coa xeración de valor económico e potencien o emprendemento local. Este proxecto impulsará modelos multifuncionais do monte para preservar os seus valores ambientais e mellorar os seus servizos ecosistémicos, fortalecendo as capacidades das comunidades rurais mediante formación e sensibilización a propietarios e xestores para implicalos na xestión sostible.

O proxecto traballará en cinco áreas a través dos denominados Laboratorios de Innovación Aberta ou Living-Labs): tres en Galicia (Os Ancares - O Courel, Macizo Central, Barbanza - Ulla - Sar), outro en Asturias (Tineo - Valdés) e un último transfronteirizo entre as dúas comunidades autónomas (Cangas del Narcea – Negueira de Muñiz). En todas elas, realizaranse actuacións de formación, sensibilización, gobernanza e accións piloto demostrativas que contribúan a xestionar e incrementar a resiliencia ante os incendios forestais e o cambio climático destes territorios rurais con escasa demografía.

Quen somos?
A agrupación está representada pola  Fundación Juana de Vega, entidade con ampla experiencia na coordinación de proxectos de desenvolvemento rural e emprendemento en Galicia. No proxecto participan tamén:

Como imos abordar os obxectivos?
O proxecto CAPRIF-CC articúlase a través de catro accións. En primeiro lugar, crearase unha Rede colaborativa de Living-Labs , así como unha Rede de áreas conservadas por comunidades locais para compartir experiencias e boas prácticas en conservación comunitaria xa que a súa xestión implica resultados positivos en termos de conservación (acción 1).

No marco da Rede, levaranse a cabo sesións formativas, visitas de campo, voluntariado ambiental e sesións de participación que contarán con apoio técnico da comisión científica e partirán da análise e diagnose dos valores territoriais e ambientais realizado en cada área (acción 2).

Todo este proceso permitirá establecer zonas estratéxicas a protexer (conservación de hábitats de interese), restaurar (eliminación de exóticas invasoras, mellora paisaxística) ou xestionar activamente (áreas estratéxicas de cortalumes sostibles e planificados), cuestión que se abordará a través dos proxectos piloto (acción 3).

Na acción 4 avanzarase na certificación FSC de xestión forestal e cadea de custodia ampliada a servizos do ecosistema de biodiversidade e carbono, incluíndo un sistema de vixilancia e valoración destes servizos. Ademais (acción 5), levarase a cabo un programa de asesoramento para aquelas persoas emprendedoras e iniciativas que poñan en marcha o modelo de xestión forestal multifuncional (gandería, castaña, apicultura, micoloxía, biomasa, turismo sostible, etc.) e estableceranse  mecanismos de mecenado e de patrocinio para captar recursos que permitan manter a sustentabilidade económica dos Living-Labs máis aló do proxecto (acción 4).

Cal é papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega leva a coordinación e dirección técnica de CAPRIF-CC, así como o proceso de participación nos cinco Living-Lab, a coordinación das actuacións piloto do Living-Lab do Macizo Central e o desenvolvemento dos programas de apoio ao emprendemento verde.

Programa financiador
O proxecto CAPRIF-CC conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

Duración
9 de febreiro de 2024 ao 31 de decembro de 2025

Orzamento
1.207.702,82€. Cofinanciado nun 95% (1.147.317,67€)