CAPRIF-CC dá os primeiros pasos a prol da activación económica do rural en Galicia e Asturias

Share

O seminario de inicio do proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse este venres 19 de abril no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.

A xornada comezou [ver aquí programa completo] coa benvida institucional do equipo de traballo e continuou coa presentación técnica. Para finalizar, tivo lugar unha mesa redonda entre as comunidades de montes participantes nas zonas de actuación: Barbanza-Sar-Baixo Ulla, Macizo Central, Os Ancares-O Courel, Negueira de Muñiz-Cangas del Narcea e Valdés.

Na súa intervención, José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, recordou a satisfacción da entidade por participar neste proxecto no que asume o papel de representante da agrupación e a dirección técnica. CAPRIF-CC, destacou, “conecta de cheo coas preocupacións e liñas de traballo da Fundación Juana de Vega a prol de manter un rural vivo, dinámico e rendible economicamente, e máis resiliente ao cambio climático co fin de evitar incendios forestais. Para iso, recordaba, “é necesario manter un territorio traballado e xestionado. Todos sabemos que o que non xestiona a xente, acábao xestionando o lume, coas consecuencias económicas, sociais e ambientais que isto representa”.

O proxecto CAPRIF conta coa participación da Fundación Juana de Vega (FJdV), a Fundación CEER (FCEER), a Fundación Montescola, a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e CETEMAS (Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira). Cun presuposto de 1.207.702,82€, o proxecto está cofinanciado nun 95% pola Fundación Biodiversidad  do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Folla de ruta
O proxecto CAPRIF-CC. Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático traballará durante case dous anos, ata finais de decembro de 2025, en prol da activación económica de zonas rurais do noroeste da Península Ibérica. En concreto, perséguese a dinamización laboral no ámbito forestal e nos usos multifuncionais do monte en Galicia e Asturias. O consorcio tivo a principios de ano a súa xuntanza de lanzamento na sede da Fundación Juana de Vega, en Oleiros (A Coruña).

CAPRIF-CC abordará a conservación de ecosistemas forestais biodiversos, resilientes e adaptados ao cambio climático mediante prácticas de selvicultura próximas á natureza e prácticas de restauración adaptativa nunha contorna de cocreación participativa. Outra das cuestións sinaladas na folla de ruta do proxecto consiste no impulso de modelos de planificación e xestión forestal innovadores que incorporen os obxectivos de adaptación ao cambio climático e de fomento da biodiversidade.

O consorcio tamén tratará o fomento da cohesión social e a gobernanza participativa na xestión forestal sostible e a conservación da natureza, promovendo a constitución dunha Rede que facilite o intercambio e a replicabilidade de experiencias exitosas no incremento da calidade de vida e a xeración de riqueza para as poboacións locais. A implementación de modelos de economía verde e actividades xeradoras de externalidades positivas relacionadas coa xestión forestal sostible a través de investimentos privados que consideren a valoración económica dos servicios ecosistémicos e sistemas de pagamento que viabilicen a xestión e a restauración forestal activa cun enfoque de biodiversidade, auga e prevención de incendios, será outra das cuestións abordadas.  

Para acadar os obxectivos formulados e para promover un aproveitamento multifuncional e sostible, o proxecto CAPRIF-CC persegue a implicación dos axentes de toda a cadea de valor forestal e fomentará, especialmente, aqueles aproveitamentos que xeren unha maior e mellor protección do territorio tanto fronte a incendios forestais, como resilencia fronte ao cambio climático. A creación dunha rede de ‘Living-Labs’ de innovación aberta, a identificación dos actores relevantes en eidos chave para o proxecto, a elaboración de mapas de talento, visitas de campo, sesións formativas e/ou participativas para a cocreación, aproveitando tamén tecido de redes, conforman o núcleo das actividades do CAPRIF-CC.

Na súa intervención, José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, destacou que CAPRIF-CC “conecta de cheo coas preocupacións e liñas de traballo da Fundación Juana de Vega a prol de manter un rural vivo, dinámico e rendible economicamente, e máis resiliente ao cambio climático co fin de evitar incendios forestais. Para iso, recordaba, “é necesario manter un territorio traballado e xestionado. Todos sabemos que o que non xestiona a xente, acábao xestionando o lume, coas consecuencias económicas, sociais e ambientais que isto representa”.