ACTA DO PREMIO JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE
(Categoría: intervencións privadas no patrimonio construído e na súa contorna)
Santiago de Compostela, a 18 de setembro de 2020
Asistentes:
Presidenta:
- María Isabel Iglesias Díaz
Secretaria:
- Isabel Aguirre de Urcola
Vocais:
- Enrique Sáez Ponte
- Federico López Silvestre
- Pedro Calaza Martínez
- Covadonga Carrasco López
O Xurado reúnese en Santiago de Compostela, no Hotel Puerta del Camino, ás 20.45. Escusa a súa asistencia Inés Santé.
O xurado visitou tres das catro actuacións que foron preseleccionadas nunha reunión celebrada telemáticamente o 11 de setembro, e na que participaron todos os membros do Xurado. Non dando tempo de acudir ao Castro de Doade, unha actuación que xa coñecían algúns deles. O Xurado acorda o seguinte:
Primeiro.- Conceder por unanimidade o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na súa categoría de intervencións privadas no patrimonio construído e na súa contorna, á “Recuperación do núcleo rural de Míllara e os seus viñedos”, na parroquia de Vilar de Ortelle, Concello de Pantón. A actuación foi desenvolvida na súa totalidade por Viñedos del Miño, S.L., baixo a dirección de Manuel Rodilla del Barrio. O resultado é moi salientábel, pois devolven a unha nova vida unha aldea abandonada no corazón da Ribeira Sacra, con criterios de sostibilidade e de respecto ao patrimonio construído preexistente. A recuperación foi feita cos mesmos sistemas de edificación tradicional que alí confluíron. Na vella aldea reconstruíronse as vivendas para distintos propietarios, os espazos públicos -como os rueiros entre as vivendas e o sendeiro cara o río-, e a adega antiga, que segue a traballar, en versión actual, coa uva de castes tradicionais cultivadas nos socalcos do lugar, que se recuperaron e ampliaron en espazos veciñais, respectando os sistemas construtivos destes elementos agrícolas que caracterizan a paisaxe privilexiada da comarca. O conseguido, despois de dez anos de traballo, é un sobranceiro exemplo de recuperación patrimonial e integración na contorna natural, axustada á herdanza do pasado.
Segundo.- Conceder dous accésits, o primeiro por unanimidade e o segundo por maioría:
- Á intervención “Recuperación do Castro de Doade: Campañas Arqueolóxicas 2015 – 2019” realizada polo equipo dirixido pola arqueóloga Vanesa Trevín Pita e promovida pola Asociación de Amigos do Museo da Casa do Patrón. O xurado quere destacar a calidade do traballo e o esforzo dunha Asociación local para poñer en valor un castro que representa o modelo preponderante de agrupación humana do pais, anterior á chegada dos romanos. Esa posta en valor inclúe o mantemento dun museo cos obxectos recuperados, a integración do castro e outros elementos da cultura megalítica en rutas de sendeirismo sinalizadas e a realización de actividades educativas complementarias para difundir o coñecemento do modo de vida dos nosos devanceiros. Fóra desta actuación destacada, compre salientar que a Asociación tamén creou, nunha casa tradicional da aldea de Doade, un interesante museo do liño e de toda a actividade relacionada coa súa produción e elaboración posterior, que tivo moita importancia en Galicia ata hai medio século.
- Á “Rehabilitación da edificación existente destiñada a pensión de 2ª vencellada ao peregrino” en Madelos, Concello de Sobrado dos Monxes, realizada por Sabalogal, S.L., sobre proxecto e dirección de obra de Miguel Estévez Gómez e Luciano González Domínguez. O resultado é un edificio orixinal, moi ben deseñado e adaptado aos seus fins, que recupera muros e elementos de pedra dunha edificación rural preexistente e intégrase nun souto de castiñeiros, plantado polos anteriores propietarios do lugar. Resulta moi interesante a prolongación do bosque por toda a casa, a través do emprego de madeira executada con técnicas herdadas dos sistemas de construción tradicionais.
Terceiro.- O xurado tamén quere destacar a recuperación do Pazo de Toubes e a súa contorna na que ocupan un lugar salientábel os percorridos de auga, fontes, etc, e os socalcos de viñedos da variedade treixadura. Realizado pola adega cooperativa Viña Costeira, baixo proxecto e dirección dos arquitectos Juan A. Caridad Graña e Isidro López Yáñez, é outra mostra relevante, aínda que irregular por confluíren intervencións con criterios diversos, do esforzo levado a cabo por iniciativa do mundo empresarial, neste caso, para por en valor partes diversas do rico patrimonio histórico construído en Galicia.