Accésits

REHABILITACIÓN DE EDIFICACIÓN EXISTENTE DESTINADA A PENSIÓN PARA DE PEREGRINOS (MADELOS, SOBRADO DOS MONXES, A CORUÑA) ACCÉSIT JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2020

Autores: Estévez e González Arquitectos

Promotor: SABALOGAL SL

REHABILITACIÓN DE EDIFICACIÓN EXISTENTE DESTINADA A PENSIÓN PARA DE PEREGRINOS (MADELOS, SOBRADO DOS MONXES, A CORUÑA)
ACCÉSIT JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2020


Categoría: Intervencións no patrimonio construído e na súa contorna
Autores: Estévez e González Arquitectos
Promotor: SABALOGAL SL

A edificación en ruínas que serve de soporte a esta intervención é unha casa tradicional labrega chamada A CASA DA PONTE situada en Madelos (Sobrado dos Monxes). A casa de grandes dimensións ampliouse segundo as necesidades desde principios do século XVIII. Ten documentación que describe minuciosamente feitos acontecidos na mesma, como descricións dos bens mobles da edificación, mostra etnográfica dos modos de vivir da época, conservando elementos de valor construtivo como dinteles, forno tradicional e a gran maioría dos muros.

A 40 metros da Casa pasa o Camiño do Norte sendo isto un valor engadido para a intervención que permitirá acoller parte da demanda de aloxamento nunha variante do Camiño de Santiago en auxe.

Xunto á actividade de pensión e a recuperación da vivenda, o promotor, no souto de castiñeiros que a rodea, dedícase ao cultivo de cogomelos- na madeira dos propios castiñeiros- e á recolección da castaña para a súa posterior comercialización. Esta recuperación do bosque e a contorna dálle un gran valor paisaxístico á intervención.

A rehabilitación da edificación para dar servizo ao peregrino conta cunha primeira planta con habitacións de capacidade múltiple, cunha configuración de corredor de estar con bancada común e zonas privadas cara ao norte dentro da propia habitación para descanso dos clientes. A primeira planta resólvese mediante cuartos dobres con baño cun novo módulo na súa fronte sueste que xera as entradas de luz e mantén a idea de volume sólido tradicional típico das agras coruñesas; deixando a nave central para as zonas de estar.

Na intervención búscase respectar a edificación pero sen esquecerse das novas demandas e modos de vivir, e en especial, a necesidade de abrir a edificación ao souto que circunda a edificación e a luz. Por iso o muro máis deteriorado da nave central orientado ao sueste elimínase para xerar en sección ocos que relacionen co exterior e que ademais asolague con luz natural o interior.

Para completar o proxecto, exponse a recuperación dunha antiga canle de auga dun muíño que atravesa a parcela para utilizalo como un espazo de encontro onde poder refrescarse e xerar vínculos entre os peregrinos. Este ámbito refórzase coa recuperación dun antigo forno derruído, que coas partes que se conservan créase unha poza para refrescarse na terraza exterior. Proponse por último a recuperación da base dun antigo hórreo que se atopa no claro do bosque onde os peregrinos poderán acender un pequeno lume.

Share