RECUPERACIÓN DO NÚCLEO RURAL DE A MÍLLARA E OS SEUS VIÑEDOS (PANTÓN, LUGO)
PREMIO JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2020
Categoría: Intervencións no patrimonio construído e na súa contorna
Autores: Viñedos del Miño, S.L.
A aldea de “A MÍLLARA”, situada en plena Ribeira Sacra sobre a marxe esquerda do río Miño, estaba formada por dez casas labregas, de forma xeralmente rectangular, expostas ao suroeste a media ladeira, onde algunhas delas estaban parcialmente enterradas co obxectivo de conseguir espazos óptimos para a conservación do viño. As casas tiñan función de vivenda, adega e cortello, que se separan por grosos muros estruturais e de escasas aberturas. Durante a última década procedeuse á rehabilitación de nove vivendas e da adega, respectando o emprazamento, o volume, e as características construtivas e dotándoas de todos os servizos.
Os socalcos “muras” existentes na contorna máis próxima das vivendas era e é unha das formas máis interesantes de cultivo da vide, característico deste territorio, e que ofrece un admirable exemplo da perseveranza secular das xeracións labregas, mantendo inconscientemente un estilo artístico na paisaxe. Nas plantacións que están en contacto coas vivendas, respectáronse os socalcos existentes, de forma que non se alterou a topografía, así como a rede de carreiros de acceso ás devanditas plantacións.
A intervención consiste ademais na construción de 11 hectáreas de novos socalcos, no outeiro máis afastado do núcleo rural e nunha ladeira orientada ao mediodía, aos cales se pode acceder con vehículos motorizados para racionalizar a explotación das vides.
Os materiais utilizados para a construción dos novos socalcos, foron os xistos, produto da escavación, asentados en seco. Nestes novos socalcos procedeuse á plantación de cincuenta mil cepas colocadas en sistema de espaldeira das variedades Mencía, Sousón, Godello e Brancellao, trinta oliveiras centenarias transplantadas e cen exemplares de laranxeiros.
Este ambicioso proxecto foi desenvolto na súa totalidade por Viñedos do Miño S.L. e propietarios das distintas vivendas. Na actualidade a explotación dos viñedos e a adega, xestiónaa a sociedade Finca Míllara Bodegas y Viñedos S. R. L.