ACTA DO PREMIO JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE
(Categoría: intervencións en espazos exteriores)
Oleiros, 12 de xullo de 2019
Reúnese o xurado do Premio composto polas seguintes persoas os días 11 e 12 de xuño:
Presidente: | Juan Manuel Palerm Salazar |
Secretaria: | Isabel Aguirre de Urcola |
Vogais: | Inés Santé Riveira |
Enrique Sáez Ponte | |
Pedro Calaza Martínez | |
Maria Isabel Iglesias Díaz | |
Covadonga Carrasco López |
Tamén forma parte do xurado Teresa Andressen, que escusa a súa asistencia.
O xurado manifesta a súa satisfacción pola difusión que adquiriu o premio, que se reflicte no alto número de candidaturas recibidas procedentes de toda Galicia.
Na mañá do día 11, o xurado avalía todos os proxectos recibidos e descarta aqueles que non reúnen as condicións establecidas na convocatoria, resultando preseleccionados para a ser visitados os siguintes:
- Hortas de Caramoniña, en Santiago de Compostela.
- Escola Infantil en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa.
- Espazo recreativo de Tamaguelos, en Verín.
- Dinamización rural a través dun roteiro de sendeirismo, na contorna dos Ancares lucenses.
Realizadas as visitas, o xurado reúnese ás 21:00 horas do día 12, para debater sobre os proxectos visitados e elixir aos premiados, tomando os seguintes acordos:
Primeiro.- Declara deserto o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, por considerar que ningún dos traballos presentados supón intervencións relevantes e de suficiente entidade.
Segundo.- Conceder, coa autorización previa da Fundación Juana de Vega tres accésits -uno máis dos previstos nas bases do concurso-, aos seguintes traballos:
1.- Dinamización rural a través dun roteiro de sendeirismo, presentado pola “Asociación Castaño e Nogueira”, nos Ancares, na concas dos ríos Donsal e Navia. Neste proxecto combínanse varios factores que merecen destacarse:
- Dinamiza unha zona de montaña cunha poboación escasa e envellecida a través da posta en valor da súa contorna natural e das construcións que hai nese espazo (casiñas auxiliares, ouriceiras, central eléctrica,…..), mediante o desenvolvemento dun roteiro que atravesa unha paisaxe de bosques autóctonos, que cada día é máis visitada como consecuencia do éxito da iniciativa.
- As pequenas intervencións realizadas no carreiro están ben executadas, empregando materiais do lugar e integrándoas con total respecto do espazo natural circundante.
- Trátase ademais dunha iniciativa impulsada pola sociedade civil, cuns medios moi limitados.
2.- Escola Infantil en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do arquitecto Iago Fernández Pontes.
Tratábase de construír unha escola nunha zona complexa, con edificios desordenados, varias rúas e un campo de fútbol.
A aparición do centro de ensino, un edificio alongado en curva, nesa contorna é unha resposta moi adecuada máis aló dos requirimentos esixidos para cumprir a súa función, pois, coa súa presenza, harmoniza o espazo que o rodea. A solución adoptada resulta de alta calidade estética, presentando, cara á rúa, unha fachada que simula un pequeno grupo de diferentes casiñas en ringleira, comunicadas cun corredor enterrado. O proxecto converte as cubertas en elementos alternos de noiros verdes e resolven a topografía da parcela, creando un impacto moi positivo na súa contorna.
3.- Hortas de Caramoniña en Santiago de Compostela, de Abalo Alonso Arquitectos.
O proxecto cumpre co seu obxectivo de resolver unha topografía complexa con usos de hortas urbanas, enriquecendo un espazo comprendido entre o valioso Parque de Bonaval e as edificacións circundantes. Evidénciase que o uso moi singular que se pretendía, cumpre coa súa finalidade, debido ao pleno e coidadoso uso das hortas por parte dos veciños. O deseño das mesmas, coa conservación dos elementos preexistentes, e a incorporación dos muros, as escaleiras e os camiños de pedra, está ben resolvido e enriquece o lugar.
Así mesmo, o xurado acorda que as seguintes intervencións, aínda que resultando limitadas no seu alcance como proxectos de paisaxe, merecen ser destacadas pola súa calidade e integración no lugar, como son o ascensor para acceder á muralla de Lugo, de Antonio Pernas, e a piscina e urbanización exterior na Leira dás Rozadas, en Chandebrito – Nigrán, de Ana Isabel García Boutureira.