Accésits

HORTAS DE CARAMONIÑA (Santiago de Compostela)

Autores: Abalo Alonso arquitectos

Promotor: Concello de Santiago de Compostela

ACCÉSIT JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2019
AUTOR: Abalo Alonso arquitectos PROMOTOR: Concello de Santiago de Compostela

O centro histórico de Santiago de Compostela foi declarado Patrimonio da Humanidade en 1985. Desde entón o ConCello veu potenciando a rehabilitación, tanto pública como privada, de vivendas e edificios dotacionais e, nos últimos anos, do espazo urbano.

Este é o caso de Caramoniña, que se atopa, por unha banda, no cinto verde que rodea o centro histórico cara o leste, e por outra, na pequena rúa que comunica o devandito casco co barrio da Almáciga, situado noutro dos pequenos outeiros que conforman a cidade. O ancho da mencionada rúa, unido a un desnivel de máis de vinte metros, resolvido con bancais independentes na actualidade, limitaba o seu acceso e, consecuentemente, o seu uso.

A primeira actuación proxectada ten que ver coa resolución dos problemas de accesibilidade entre os diferentes niveis. Cando a pendente o permite, a comunicación resólvese con ramplas por dentro da parcela. Cando isto non é posible, exponse directamente desde o exterior, como ocorre na plataforma intermedia. Facilítanse así unha serie de percorridos e zonas de estancia e unha relación entre bancais, con espléndidas vistas cara á cidade histórica e unha boa orientación suroeste. Un percorrido máis curto, con escaleiras, bordea as ruínas existentes.

Recupérase a actividade previa mediante a inserción dunha serie de hortas. Á fin e ao cabo, cal pista polideportiva ou centro de saúde, a horta urbana converteuse nunha dotación cidadá máis. Para favorecer esta actividade, renóvanse os pozos abandonados e conéctanse cunha canle superficial. Complétase a intervención cunha iluminación que lembra, dalgunha maneira, ao “campus stellae” que algúns ven na orixe do nome da cidade.

O proxecto cumpre co seu obxectivo de resolver unha topografía complexa con usos de hortas urbanas, enriquecendo un espazo comprendido entre o valioso Parque de Bonaval e as edificacións circundantes. Evidénciase que o uso moi singular que se pretendía, cumpre coa súa finalidade, debido o pleno e coidadoso uso das hortas por parte dos veciños. O deseño das hortas, coa conservación dos elementos preexistentes, e a incorporación dos muros, as escaleiras e os camiños de pedra, está ben resolto e enriquece o lugar.

Share