ACCÉSIT JUANA DE VEGA DE INTERVENCIÓNS NA PAISAXE 2019
AUTOR: Asociación Castaño y Nogal · PROMOTOR: Asociación Castaño y Nogal
A Ruta Quintá-Río Donsal, PR-G 159, nace como unha iniciativa da Asociación Castaño y Nogal. Esta ruta discorre por algúns tramos dunha antiga Vía Romana ou Camiño Real, polas marxes dos ríos Donsal e Navia, nos municipios de Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes, unindo tramos de antigos camiños de carro romano, de sendeiros e zonas de servidume. Encravada preto da Rede Natura 2000, e contigua á Reserva de Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, a ruta intérnanos en paisaxes de gran valor natural e etnográfico. Alterna tramos de denso bosque autóctono con camiños abertos transitando por lugares de gran beleza. Ao longo do sendeiro aparecen soutos centenarios, fragas de carballos, e outras especies como nogueiras, bidueiros, freixos e faias. A ruta discorre, na maioría do seu percorrido, paralelo a pequenos ríos ou regatos, como o rego do Souto e o río Donsal.
As intervencións principais realizadas para conseguir que o sendeiro Quintá - Río Donsal se converta nun elemento de dignificación e sensibilización da paisaxe e o patrimonio natural e cultural da contorna, foron:
• Rehabilitación de antigos camiños de carro romanos, de carreiros de pastoreo e zonas ou franxas xunto ao río Donsal. Desbroce e recuperación de varios tramos.
• Sinalización seguindo regras internacionais de sendeirismo.
• Avaliación e validación pola Federación Galega de Montañismo homologando o carreiro, paneis informativos e sinalización co Código PR - G159.
• Colocación de barandas de apoio en subtramos de risco de caída de sendeirista no tramo que vai de Quintá á Fraga de Valiñas, substitución de pontigos sobre o río Donsal, e reparación doutro en prados e muíños de A Cortella.
• Substitución de dous pontigos que quedaban sobre o río Donsal, dúas riquezas etnográficas (ouriceiras da Fraga de Valiñas), dúas fontes (“Do Olmo” en Quintá e “Da Pasadiña” en Buisán), así como, o desbroce do Castro celta de Sevane.
• Inclusión na Guía de Sendeiros de Galicia.
Os traballos foron levados a cabo en sucesivas fases e anualidades con recursos propios, achegas e préstamos de impulsores/participantes, algunhas axudas simbólicas de entidades e institucións colaboradoras, e, singularmente, co traballo de asociados, 75 voluntarios participantes en nove campos de traballo internacional e cooperantes puntuais, que suman máis de 18.000 horas de traballo altruísta en prol do proxecto, para manter a súa transitabilidade e conseguir dalo a coñecer.