A Fundación Juana de Vega organiza, co apoio da Deputación da Coruña, as xornadas “Capital natural: identificación, contabilidade e valorización de servizos ecosistémicos da infraestrutura verde municipal” que terán lugar na súa sede de Oleiros mañá venres 6, o sábado 7 e o sábado, 28 de outubro. A entidade dá así continuidade ao programa de anos anteriores ofertando unha formación máis específica dirixida a técnicos municipais e profesionais especializados. Pedro Calaza, director da Escola Galega do Paisaxe Juana de Vega, será o encargado de presentar o marco conceptual e legal da infraestrutura verde e os servizos ecosistémicos, dous conceptos que a Unión Europea introduciu fai xa dez anos, pero aínda con escasa implantación.
Que é a infraestrutura verde e que se entende por servizos ecosistémicos?
A infraestrutura verde é unha ferramenta de planificación territorial impulsada pola Unión Europea para unha mellor xestión do territorio. Trátase dunha planificación orientada cara ao deseño dunha rede de espazos naturais que debe ser xestionada para a optimización dos servizos ecosistémicos. Estes servizos podemos definilos como os beneficios que os humanos obtemos da natureza e clasifícanse en tres tipos: provisión (fibras, alimentos, gandería, auga, etc.); regulación (hidrolóxica, erosión, térmica etc); e cultural (lecer, recreo, saúde humana,…).
O título destas xornadas formativas “Capital natural: identificación, contabilidade e valorización de servizos ecosistémicos e infraestrutura verde municipal”, introduce un concepto que aínda non é de uso común: a contabilidade ambiental. A que se refire?
Contabilidade ambiental é un proceso que pode desenvolverse con diferentes metodoloxías. Os servizos ecosistémicos que xera o capital natural, a infraestrutura verde, deben ser identificados e cuantificados para poder dispoñer de métricas entendibles e saber, en termos comúns, o valor da infraestrutura verde.
Como deberían, ou deben, influír estes “cálculos verdes” na planificación territorial e no deseño dos espazos públicos? Por que é importante cuantificar os servizos da natureza en termos económicos?
A transformación dun valor a termos económicos, coa cautela de “Todo necio confunde valor e prezo” de Machado, permítenos aproximar a importancia dos servizos da infraestrutura verde xa que eses cálculos verdes achégannos á realidade da economía clásica.
É moi importante porque aínda hai moita xente que só é capaz de ver rendementos cando se fala de diñeiro e non doutros conceptos. Poder valorar en termos económicos o que produce a natureza é un forte piar para a súa protección.
Que poderán aprender os asistentes durante as xornadas? Poderán aplicar os coñecementos adquiridos de forma inminente nos seus traballos para, desde a base, converterse en axentes do cambio?
Os asistentes profundarán no concepto de infraestrutura verde e poderán desenvolver un estudo de caso ad hoc dunha identificación e cuantificación de servizos, que pode ser aplicable ao seu traballo nas diferentes administracións ou empresas onde desenvolvan os seus labores.
En xeral, están concienciados os profesionais que interveñen no territorio sobre a necesidade valorizar os servizos ecosistémicos e actuar conforme a criterios máis ecolóxicos e ambientais?
Lamentablemente, aínda non. Levamos un percorrido de tan só dez anos desde que a Unión Europea aprobou a súa estratexia europea en materia de infraestrutura verde e aínda quedan moitos escollos que salvar. Pero é certo que a ciencia avanza e que cada día hai máis información que pode ser consultada para aplicar criterios máis ecolóxicos e racionais.
En que medida a xestión eficiente do capital natural vai facer que as contornas humanizadas sexan máis saudables e resilientes no actual escenario climático?
Os procesos de desenvolvemento dunha rede de infraestrutura verde no medio urbano son a pedra angular da mellora da calidade de vida, do benestar e da saúde da poboación. Tanto de forma pasiva, neste caso mellorando as condicións ambientais, a regulación térmica, a resiliencia, aspectos biofílicos, etc.; como de forma activa, promovendo a actividade física ou a cohesión social.
Por que se consideran mellores as solucións baseadas na natureza que outras opcións?
Por lóxica pura. As solucións baseadas na natureza poden ser propostas híbridas entre solucións tecnolóxicas ou innovadoras e elementos naturais. Un exemplo claro son os SUDS (sistemas urbanos de drenaxe sostible) que permiten dunha forma moito máis económica e ecolóxica (as dúas caras do oikos, o equivalente ao termo “casa” na Grecia Antiga) a xestión da auga de tormenta.
Existen liñas de financiamiento específicas para implantar estratexias de infraestrutura verde a nivel local?
Si, e cada día máis. Un exemplo claro é a convocatoria da Fundación Biodiversidad do MITECO (Ministerio paral a Transición Ecológica y el Reto Demográfico), que será abordada por unha das relatoras neste curso.
Na súa opinión, cales serían tres prácticas básicas na xestión de espazos urbanos desde o prisma do capital natural?
Naturalización urbana, biodiversidade e biofilia.