A Fundación Juana de Vega organiza, co apoio da Deputación da Coruña, as xornadas Capital natural: identificación, contabilidade e valorización de servizos ecosistémicos da infraestrutura verde municipal.
Continuando coas campañas formativas de anos anteriores en materia de infraestrutura verde e servizos ecosistémicos, a Fundación Juana de Vega acolle os días 6, 7 e 28 de outubro de 2023 esta actividade máis específica dirixida aos equipos técnicos municipais e profesionais interesados na xestión e conservación das infraestruturas e espazos verdes municipais, en base aos principios teóricos e prácticos dos servizos ecosistémicos.
Esta formación quere responder tamén a unha necesidade detectada no sector xa que a escaseza destes técnicos especializados tradúcese na perda directa de oportunidades de acceso a financiación europea para o desenvolvemento de proxectos de planificación que teñan en conta criterios ecolóxicos e medioambientais.
Obxectivos
A actividade proposta é unha xornada formativa de tres días de duración, cun total de 16 horas, e cun enfoque teórico-práctico que combinará o formato de clases teóricas, impartidas por especialistas en capital natural, biodiversidade e arquitectos da paisaxe.
As metas propostas son:
- Formar os técnicos municipais e profesionais independentes na estratexia europea, nacional e galega de infraestrutura verde e na planificación ecolóxica.
- Avanzar na implementación da metodoloxía de identificación, delimitación e cálculo de servizos ecosistémicos e a súa aplicación na planificación territorial e o deseño de espazos públicos, seguindo as competencias atribuídas aos municipios pola estratexia estatal de infraestrutura verde e conectividade e restauración ecolóxicas.
- Informar das liñas de financiamento de proxectos e iniciativas de solucións baseadas na natureza e de infraestrutura verde.
- Divulgar boas prácticas na xestión de espazos urbanos desde o prisma do capital natural.
A quen está dirixido
As xornadas están enfocadas a profesionais que desenvolvan a súa actividade no eido do deseño, execución e xestión de espazos públicos, técnicos municipais e estudantes.
Lugar
Sede da Fundación Juana de Vega,
San Pedro de Nós (Oleiros)
Matrícula sesións dos 6-7/10
Prazas: 25
Matrícula: 20€ e estudantes de balde.
Custo sesión do 28/10
Gratuíta