O Grupo Operativo Avea Moura preséntase no Galicia Fórum Gastronómico 2024

Share

Entre o 7 e o 9 de abril, o Grupo Operativo Avea Moura, no que participa a Fundación Juana de Vega, estivo presente no Galicia Fórum Gastronómico 2024 celebrado no recinto feiral Expocoruña (A Coruña) da man de dous dos socios: a cooperativa Muulhoa e o restaurante Culler de Pau. Este evento sectorial volveu converterse en punto de encontro de todos os profesionais da gastronomía para promocionar os produtos e a cociña galega, xuntando nesta edición a uns 200 expositores polos que pasaron unhas 22.000 persoas.

Durante os tres días, o roll up do proxecto acompañou a Muulhoa no posto que ocupou no espazo oficial da rede Eusumo – Economía Social de Galicia.

Na tarde do luns 8, Javier Olleros, chef e alma máter do restaurante Culler de Pau, presentou esta investigación aplicada durante a conferencia que impartiu baixo o título “O ancestro como punto de inflexión”. Culler de Pau, localizado no Grove (Pontevedra), conta con 2 estrellas Michelin e 1 estrella Verde, que premia aos restaurantes que destacan pola súa sostibilidade. Desde a Fundación Juana de Vega tamén visitamos a feira e aos socios para apoiar a presentación deste Grupo Operativo ao sector.

A asistencia ao Galicia Fórum Gastronómico 2024 foi, sen dúbida, unha magnífica oportunidade para dar a coñecer a investigación aplicada que se está desenvolvendo no marco do GO Avea Moura para avanzar no estudo do potencial das variedades tradicionais de avea negra en alimentación humana e en cosmética. Ver aquí a infografía do proxecto.