Durante este outono, unha vintena de alumnos continuarán formándose no curso de Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas promovido pola Fundación Juana de Vega en colaboración co CFEA de Guísamo. Trátase do cuarto módulo do Curso de fruticultura e técnicas de cultivo 2023 do que Luis Quinteiro González é tamén o director e coordinador técnico. Esta é unha formación cunha longa traxectoria para sector agroalimentario galego que cobre todo o ciclo vexetativo das plantas e cada ano ofrece novidades para mellorar a acollida dos posibles interesados.
Que competencias adquirirá o alumnado nestas 28 horas de formación?
Os coñecementos para facer un seguimento da maduración dos froitos e poder recollelos no punto óptimo. Tamén para organizar a colleita e transformar os froitos, xa sexa como zume, sidra, conservas ou deshidratados, entre outras opcións.
Cal é o perfil dos asistentes? Son persoas que acoden como unha actividade para o seu tempo libre ou profesionais que queren ampliar os seus coñecementos para aplicar nos seus negocios?
Hai dous perfís. Hai un grupo de alumnos que teñen ou van plantar froiteiras nas súas hortas ou xardíns e queren ter froitos para comer en fresco ou transformalos para autoconsumo. Outro grupo son persoas que acoden para resolver problemáticas con superficies maiores e queren adquirir coñecementos para rentabilizar a súa explotación frutícola presente ou futura.
No cadro de docentes, entre os que se atopa vostede, hai profesionais cunha dilatada experiencia no sector frutícola galego. Que vai achegar cada un dos convidados nesta edición?
Esta actividade forma parte dunha serie de cursos que se prolongan durante todo o ano en relación á fruticultura galega. Todos eles pretenden ser o máis prácticos posibles, co cal tratamos de que os docentes sexan profesionais na materia que imparten, con experiencia práctica das ensinanzas programadas.
Unha das partes máis atractivas deste curso son as clases prácticas para elaboración de sidra, mosto e conservas. Como se abordarán estes talleres?
Primeiro, cunha clase teórica para explicar os procesos de elaboración e despois, con clases prácticas realizadas na adega do CFEA de Guísamo, onde se elabora e ensinan todos os procesos de transformación dos froitos para a obtención dun produto final de calidade.
Unha das fortalezas do curso é, sen dúbida, contar coas instalación do CFEA de Guísamo!
Certo! Teñen plantacións de froiteiras: maceiras de mesa e de sidra, kiwis, castiñeiros, viñedos ou cítricos das que obter o froito. Tamén contan con naves: cámaras frigoríficas, pesa, mesas de traballo,… e adega con todos os útiles e equipos para realizar as elaboracións. Na adega hai picadora de mazá, varios tipos de prensa, depósitos de distintas capacidades ou un pasteurizador, todo de aceiro inoxidable.
Nesta edición, dividiron o “Curso de fruticultura e transformados” en módulos para adaptarse ás necesidades dos interesados. Como foi a acollida?
Moi ben, os usuarios valoraron o cambio xa que lles deu unha maior flexibilidade para elixir e facer só un módulo ou os catro.
O “Curso de fruticultura e transformados” impártese de forma continúa desde 2012. Que balance fan destes once anos?
A propia pregunta xa nos dá a resposta, son moitos anos impartindo este tipo de cursos e segue abiendo demanda, tendo en conta que o alumno ten que pagar unha taxa. Esta traxectoria indica que os coñecementos que se imparte nesta formación impulsada pola Fundación Juana de Vega é necesaria para manter un medio rural vivo que dá resposta ás inquietudes da nosa xente.