Expertos de prestixio internacional analizarán nun seminario centrado na Eurocidade Chaves-Verín o papel milenario da auga como construtora da paisaxe

Share

Oleiros, 17 de marzo de 2017.– A Sede da Eurocidade Chaves-Verín acolleu hoxe a presentación do workshop “As idades da auga: as augas construtoras de paisaxes”. Un seminario internacional organizado pola Escola galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega coa colaboración da Deputación de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín, que se celebrará entre os días 3 e 7 de abril. Na presentación participaron o presidente da fundación, Enrique Sáez; a deputada provincial delegada de termalismo de Ourense, Ana Villarino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o presidente da Cámara de Chaves, Antonio Cândido Monteiro, e o encargado de coordinar o seminario, Mario Crecente.

O obxectivo do workshop é o de divulgar o territorio e os recursos do lugar; incorporar o termalismo e a paisaxe como obxectos de investigación e formular propostas que sirvan como base para a xestión e ordenación territorial de Verín – Chaves e para o desenvolvemento de futuros proxectos europeos. O escenario elixido é a Eurocidade Chaves-Verín, polo seu papel na promoción da cooperación territorial desde os seus diversos ámbitos, entre os que destacan o turismo e o termalismo.

Así o destacaba na inauguración o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, que destacou a aposta pola entidade por atraer a importantes paisaxistas de nivel internacional a Galicia para abordar cuestións que afectan directamente ao desenvolvemento da nosa comunidade. No caso deste seminario, lembrou que os camiños termais son moi poderosos para potenciar unha zona e abrir fronteiras nun momento no que algúns só pensan en reforzalas. “Os ríos e os camiños flúen, como as persoas. Todo o contrario aos muros”, rematou.

Como explicou o arquitecto Mario Crecente, o nome elixido para este seminario parte da idea do pasado milenario e centenario das augas que foron construíndo a paisaxe de Chaves-Verín en concreto, e de todos os territorios en xeral. Desde as augas termais ou as fontes do Camiño de Santiago, ambas milenarias, ata os balnearios da zona, que teñen máis dun centenar de anos.

O programa do seminario inclúe, ademais das sesións cos expertos, os obradores prácticos e a visita aos espazos termais e da auga máis relevantes da zona, como o balneario de Chaves e a embotelladora de auga de Cabreiroá.

Os relatores son de contrastado prestixio internacional, como Joao Nunes, docente en varias universidades con intervencións de primeira liña a nivel mundial; Paul T. Simons, arquitecto especialista en patrimonio histórico e turismo termal, ex director de promoción da cidade de Bath e secretario de Great Spas of Europe, ou Barbara Van Diere Wee, experta en paisaxes culturais e profesora da Universidade de Ku Leuven (Bélxica). Tamén participan Luis de Ramón Sánchez, xeólogo e experto en augas termais e minerais, e Mercedes Márquez, membro do Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe e docente do Master Juana de Vega en Arquitectura da Paisaxe.

Respecto dos asistentes a este seminario internacional, Mario Crecente destacou que o obxectivo é que a participación sexa o máis polivalente posible, dado o seu enfoque multidisciplinar, abranguendo desde arquitectos ata paisaxistas, biólogos, arqueólogos ou historiadores.

O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de marzo neste enderezo:

Workshop internacional: AS IDADES DA AUGA. As augas construtoras de paisaxes

O foro está organizado pola Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe, co apoio da Deputación de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín

Baixo o suxestivo título “As idades da auga”, celebrarase entre os días 3 e 7 de abril, coordinado polo arquitecto Mario Crecente