Esta tarde tivo lugar o inicio do "Curso de Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas" durante o que se lle deu a benvida á vintena de persoas inscritas nesta formación impartida pola Fundación Juana de Vega en colaboración co CFEA Guísamo. Luis Quinteiro, director e coordinador técnico, destacaba que "en Galicia temos múltiples posibilidades para transformar unha materia prima excepcional".
A continuación, Manuel López, secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, impartía a primeira sesión dedicada a Loxística da recollida e comercialización da castaña.
Durante as 28 horas de formación, o alumnado, de moi diversos perfís, estudará as operacións de colleita e de preservación da froita de maneira transversal a todo tipo de producións, ademais de aprender a elaborar mosto, sidra e conservas durante as clases prácticas.
Seguintes sesións en Bergondo
Tras esta sesión inaugural na sede da Fundación Juana de Vega en San Pedro de Nós (Oleiros), as cinco seguintes (12/09, 17, 24 e 25/10 e 14/11) terán lugar nas instalacións do CFEA Guísamo (Bergondo) de 16.30 a 20.30h. A clausura e cata de produtos está fixada para decembro.