Xardín do recordo – Pazo do Faramello

O propietario do Pazo do Faramello, en Rois, quixo render homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois, por medio da cesión dun espazo de 7.200 m2 para a construción dun xardín que deseñou gratuitamente a Escola Galega da Paisaxe da Fundación.

O deseño consiste nun percorrido axardinado no que se plantou unha árbore en representación de cada unha das vítimas, e onde figura tamén unha placa representativa cos seus nomes. A idea é que sirva de percorrido espiritual no que se poden lembrar aos seres queridos e ir curando as feridas

A árbore escollida para honrar ás vítimas é o coñecido como “árbore do amor”, que ten como característica destacada as follas con forma de corazón. Ademais do paseo de arboredo, o espazo incluirá unha área de acollida para reunión de grupos de visitantes ou familias, recuberto de hortensias e azaleas, grandes protagonistas da flora dos pazos galegos. Ademais, reservarase unha parte didáctica para que os nenos coñezan as técnicas de traballo da terra. Tamén se reservou un espazo para crear un xardín en movemento deixando que a natureza vaia evolucionando de maneira espontánea.

A presentación do proxecto tivo lugar no propio Pazo o día 24 de xullo de 2014, coincidindo co aniversario do accidente, á que asistiron familiares de vítimas e representantes do Goberno Galego.