Plan estratéxico de actuación integral para a recuperación, dinamización e valorización territorial da área Sur-Oriental de Ourense para a mellora da resiliencia do territorio fronte ao lume e a súa dinamización turística.

Dende a Fundación Juana de Vega estase a desenvolver desde agosto de 2021, o Plan Integral para a Recuperación, Dinamización e Valorización integral da área Sur-Oriental de Ourense no marco do convenio promovido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Introdución

A provincia de Ourense é unha das máis castigadas polos lumes de maneira recorrente. Nos lumes de setembro de 2020 queimáronse unhas 10.000 hectáreas cunha media ducia de lumes que entran no escenario dos Grandes Incendios Forestais, ao superar as 500 hectáreas, afectando con gravidade a área sur da provincia de Ourense (Cualedro, Oímbra e Monterrei) . Ás importantes perdas no patrimonio medioambiental engádense o impacto que pode ter no turismo de nestas áreas, pola destrución da paisaxe como consecuencia do lume. Ademais do anterior a área transfronteriza do Sur de Ourense ten unha importancia recorrencia de lumes forestais.

Por outra banda, o medio rural constitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sostible dun país. A súa supervivencia esixe unha loita global contra os incendios forestais, que constitúen unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sostibilidade económica e social de Galicia. Tendo en conta esta realidade, a política de defensa del medio rural contra os incendios debe comprometer a todas as administracións e axentes do territorio.

Portocamba, Castrelo do Val


Ámbito do plan

O ámbito de estudo recolle os límites municipais dos seguintes concellos: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña e A Mezquita.

Estes concellos teñen unha serie de particularidades (área na rexión de ambiente mediterráneo de Galicia, vía de comunicación A-52 e a nova estación do AVE en A Gudiña-porta de Galicia-,O camiño de Santiago-Vía da Prata, DOP Monterrei e novas plantacións de soutos e importante número e superficie ocupada polos Montes Veciñais en Man Común) que fan que se poida abordar o estudo dun xeito integral, co turismo como eixo vertebrador, baixo o prisma da dinamización económica rural sostible e nun escenario futuro de cambio climático.


Obxecto

O obxecto fundamental do plan é aumentar a resiliencia fronte aos incendios forestais do interior da provincia de Ourense a través dunha planificación e xestión territorial integrada que poña o foco na xestión da paisaxe como mecanismo de prevención e que impulse ademais un desenvolvemento sostible do territorio, cos seguintes obxectivos:

  • Ordenación territorial.
  • Creación de comunidade de xestión e dinamización territorial.
  • Mitigación do risco dos lumes a través de áreas cortalume.

A xestión territorial sostible céntrase nos seguintes principios que actúan como punto de partida para elaborar o plan estratéxico:

  • O valor multifuncional do monte e a xestión forestal sostible como base de actuación fronte aos incendios forestais.
  • A recuperación, mantemento e promoción da actividade agraria e gandeira sostible.
  • Apoiar a posta en valor de produtos agrarios e forestais do territorio incluíndo os servizos ecosistémicos que os montes proveen á sociedade.
  • A conservación das áreas de maior valor ambiental en consonancia coas actividades produtivas.
  • Posta en valor da paisaxe e os recursos turísticos e patrimoniais do territorio como motor de dinamización.

Trátase dun Plan que se desenvolverá ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que está a iniciar os seus primeiros pasos, e contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor.


Actividades

  1. Delimitación dos ámbitos territoriais do Plan e identificación dos axentes implicados no territorio.
  2. Análise e diagnóstico territorial.
  3. Análise da casuística dos incendios.
  4. Catálogos de solos agropecuarios e forestais do ámbito do plan.
  5. Planificación de áreas cortalumes.
  6. Liñas ou eixos estratéxicos e programa de actuacións.


Proceso de participación

O proceso de participación do plan conta dunha combinación de traballo individual e en grupo que responde ás especificidades do plan a definir: 1) por un lado, a consulta individual garante unha interacción directa e un nivel de compromiso por parte do axente posibilitando así a transmisión de información cualitativa. Para iso é necesario ter realizado previamente unha correcta selección de axentes no Mapa de Axentes Clave. 2) por outra banda, a variante de traballo colectiva aporta diversidade interpretativa e posibilidade de deliberación, consenso e acordos, aportando así unha información equilibrada desde os puntos de vista cualitativo e cuantitativo.

Os encontros procurarán achegas a través de entrevistas tipo e mesas de traballo en talleres para os axentes seleccionados.

Entrevistas: a realización de entrevistas a axentes clave ou coñecedores das cuestións aportan unha información de calidade e a posibilidade de transmisión e difusión do proceso. A selección dos axentes entrevistados fundamentase nas categorías do Mapa de Axentes Clave tentado acadar unha representación efectiva dos diversos tipos de perfís, tendo en conta as limitacións estruturais e temporais do proceso.

Talleres (Grupos Focais)

Os talleres de participación pública teñen como premisa básica a implicación de axentes, colectivos ou cidadanía interesada na temática. O taller é un encontro no que os diversos participantes colaboran na definición de obxectivos de cara ao futuro.

A composición dos talleres será determinada en función das grandes liñas de actuación do proxecto, establecéndose un calendario de eventos temáticos centrados nos:

  • Sectores agrario e gandeiro
  • Sector forestal
  • Sector patrimonial e turístico


CONVENIO ENTRE A VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA XUSTIZA E TURISMO (A TRAVÉS DA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA), A CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL (A TRAVÉS DA DIRECCIÓN XERAL DE DEFENSA DO MONTE, DA DIRECCIÓN XERAL DE PLANIFICACIÓN E ORDENACIÓN FORESTAL E DA DIRECCIÓN XERAL DE GANDARÍA, AGRICULTURA E INDUSTRIAS AGROALIMENTARIAS), A AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL (AGADER) A DEPUTACIÓN DE OURENSE E OS CONCELLOS DE CUALEDRO, MONTERREI, OÍMBRA, VERÍN, LAZA CASTRELO DO VAL, VILARDEVÓS, RIÓS, A GUDIÑA, A MEZQUITA E A FUNDACIÓN JUANA DE VEGA PARA ELABORAR O PLAN ESTRATÉXICO DE ACTUACIÓN INTEGRAL PARA A RECUPERACIÓN, DINAMIZACIÓN E VALORIZACIÓN TERRITORIAL DA ÁREA SURORIENTAL DE OURENSE PARA A MELLORA DA RESILIENCIA DO TERRITORIO FRONTE AO LUME E A SÚA DINAMIZACIÓN TURÍSTICA