Guía de caracterización e integración paisaxística de valados

O Instituto de Estudos do Territorio e a Escola Galega da Paisaxe elaboran unha guía de caracterización e integración paisaxística dos valados en Galicia.

A heteroxeneidade das condicións naturais que estruturan a paisaxe de Galicia e dos diferentes contextos socioeconómicos e culturais, orixina unha gran diversidade de sistemas de organización agraria que, sen dúbida, se traduce nunha gran riqueza cultural e etnográfica.

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e o Instituto de Estudos do Territorio pertencente á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia traballaron desde setembro de 2015 a xuño de 2017 na elaboración dunha guía de integración paisaxística dos peches en Galicia. Estos traballos son continuación dun anterior no que xa se estudaron as tipoloxías dos peches en doce áreas paisaxísticas, e que agora se completa facéndoo extensible ás 50 comarcas nas que se dividen esas doce áreas.

Na guía desenvolve dúas liñas de traballo que se poden trasladar a dous obxectivos específicos. Por unha banda, realízase unha caracterización dos valados tradicionais, ata chegar á identificación daqueles máis representativos de cada comarca paisaxística, á que se engade a análise das dinámicas e tendencias actuais. Por outra banda, inclúense conceptos e criterios de integración paisaxística que permitan acoutar aproximacións metodolóxicas para o tratamento dos peches por parte de técnicos especialistas, propietarios, produtores do sector primario ou calquera persoa interesada.

A súa edición enmárcase dentro do ámbito da Estratexia da Paisaxe Galega co obxectivo de poñer en valor os peches tradicionais e achegar recomendacións á construción de novos peches integrados na paisaxe, constituíndo unha ferramenta que pretende contribuír ao mantemento e dinamización da vida rural, na que os peches son estruturas útiles en explotacións vivas e integradas na súa contorna.

Enlace ao Visor da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados