Accésits

Rehabilitación da Adega Pedro Leivas – Riotorto (Lugo)

Autores: Manuel Eduardo López Vázquez e Belinda Yepes Jiménez

O encargo, o reto, foi recuperar e converter un antigo espazo, case que irrecoñecible por mor da maleza, dos derrubamentos e dos descoidados labores de conservación nunha adega para a elaboración artesá de sidra coas maceiras da propiedade.

Mirando ben, atopabas un espazo máxico: unha aira rodeada por unha muralla de cachotería, co hórreo tradicional conformando a entrada.

Porque tamén hai que achegarse con humildade ás arquitecturas máis sinxelas e populares. Arquitecturas sen mestre, sen autor pero, por mor da necesidade, ben apegadas ao medio. Respectuosas coa paisaxe e co ecosistema, efectivas para tornar a auga e dar confort e protección a bestas e homes; sostibles na economía dos recursos. É o milagre da súa implantación no difícil terreo de Espasande de Arriba, sen forzar a natureza, sen alterar os equilibrios.

Así que o primeiro traballo dos arquitectos consistíu en estudar, debuxar o que foi, aprender dos vellos que xa non están, interpretar os seus segredos e deixarnos atrapar.

Ben certo que os que proxectamos a recuperación do patrimonio non somos meros espectadores. Pero cómpre evitar estridencias e protagonismos.

O proxecto da adega Pedro Leivas soterra o novo e recupera o vello. Mais non buscando a estratexia de camuflar, senón a estratexia de entender e de continuar. Porque a solución en semisoto xa foi a primixenia, cos muros de cachotería facendo contención da aira e da cortiña superior. Foi doado comprender o segredo dos mestres que concibiron a adega. Coas súas mans non puideron escavar a terra, pero coas nosas máquinas puidemos facer o sitio da adega soterrada e do obradoiro, sen alterar a vexetación dos bordos, sen talar a maceira do muro, sen modificar os cursos de auga e sen xerar residuos.

A pegada na contorna, na paisaxe, no ecosistema, e na arquitectura popular foi mínima. De xeito que, despois da execución coidadosa da obra, todo parece estar como sempre. Non é pouco.

Aproveitar o terreo
A intervención non só recuperou as construcións, tamén as puxo en valor cambiando o seu uso mediante a implementación da enxeñería dos procesos da adega artesanal.

Deseñáranse todos os mecanismos para facer doada a produción artesanal de sidra. Desde o principio, comezando nas maceiras das costentas leiras, economizando no transporte e aproveitando a elevación da aira superior.

Logo do repouso ao fresco, a mazá selecciónase e lávase baixo o pendello aberto, mállase no muíño, caendo directamente ao depósito de maceración que conecta co lagar de prensado lento, xa no obradoiro inferior. De alí, o mosto canalízase aos depósitos na adega soterrada, na que non fará falla implementar ningún sistema de climatización artificial para manter a temperatura sempre constante arredor dos 18 grados. O único residuo, a magalla, compóstase para abono das maceiras.

A forza da gravidade, a arquitectura bioclimática, a xeotermia natural, a organización eficiente dos espazos, así como a xestión circular de residuos, conseguen os obxectivos propostos.

Share