O movemento Vilas en Flor 2024 premiará o esforzo de 42 municipios galegos por mellorar os seus espazos verdes

Share

O movemento Vilas en Flor 2024 intensifica a súa actividade neste arranque de outono coas visitas de avaliación aos 42 municipios galegos que aspiran a recibir as Flores de Honra. Este é o galardón co que o programa recoñece a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Por provincias, na Coruña hai 13 concellos adscritos; 20 en Pontevedra; 2 en Lugo e 7 en Ourense co denominador común de que todos eles teñen menos de 40.000 habitantes.

Provincia da Coruña (13): A Laracha, Abegondo, Arteixo, As Somozas, Carballo, Coristanco, Culleredo, Curtis, Oza-Cesuras, Ponteceso, Sada, San Sadurniño, Vimianzo (novo).

Provincia de Pontevedra (20): A Estrada, A Guarda (novo), As Neves (novo), Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, Gondomar, Lalín, Marín (novo), Mondariz, Mondariz-Balneario (novo), Mos (novo), O Rosal, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo (novo), Tomiño, Tui, Vilagarcía de Arousa.

Provincia de Lugo (2): Chantada, Sarria.

Provincia de Ourense (7): A Pobra de Trives, Allariz, Carballiño, Leiro, Manzaneda (novo), San Xoán de Río, Xinzo de Limia.

O movemento Vilas en Flor está impulsado en Galicia pola Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor (Asociación de Viveristas del Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). Nesta edición, o programa conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, así como de empresas do sector ambiental como son Husqvarna, Makita e Rain Bird.

Avaliación e gala a mediados de novembro
O equipo de expertos voluntarios xa está a recorrer Galicia para valorar o traballo realizado nos pasados meses polos gobernos municipais para mellorar a xestión dos seus espazos verdes tendo en conta os aspectos contemplados nas bases. Estos son o coidado do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; e uso social e as sinerxias coa actividade turística.

A entrega dos galardóns Vilas en Flor 2024 terá lugar o venres, 15 de novembro en Salvaterra de Miño (Pontevedra), ás 12:00h na Casa do Concello.