Despois de seis anos desde o seu inicio en Galicia, o movemento Vilas en Flor consolídase na nosa comunidade como unha referencia en boas prácticas ambientais para os municipios de menos de 40.000 habitantes. A edición deste ano contou con 38 concellos inscritos que hoxe recibiron os galardóns denominados Flores de Honra durante un evento celebrado no auditorio de Goián en Tomiño, anfitrión do evento.
Ademais do diploma acreditativo, todos os municipios instalarán un cartel ou sinal de estrada para remarcar a súa pertenza ao programa. Xinzo de Limia, Ponteareas e O Rosal, que participan por primeira vez nesta iniciativa, foron galardoados con 1 ou 2 Flores de Honra.
FLORES DE HONRA 2023 4 Flores de Honra (3 concellos): Allariz, Chantada e Tomiño. 3 Flores de Honra (12): A Laracha, As Somozas, Caldas de Reis, Cambados, Carballo, Gondomar, Lalín, Narón, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, Vilagarcía de Arousa. 2 Flores de Honra (13): Abegondo, Arteixo, Coristanco, Cuntis, Leiro, Mondoñedo, O Carballiño, O Rosal, Oza-Cesuras, Ponteceso, Sada, Sarria, Tui 1 Flor de Honra (10): Mondariz, A Estrada, A Pobra de Trives, Culleredo, Curtis, Ortigueira, Ponteareas, Pontedeume, San Xoán de Río e Xinzo de Limia. |
O acto de Vilas en Flor 2023 estivo presidido polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, xunto con Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; e Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe. Tamén acudiron o presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), Víctor Pérez, e o presidente da Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor), Ignacio Etxebarría, en calidade de representantes das entidades organizadoras xunto coa Fundación Juana de Vega.
Intervencións
Durante o acto de entrega dos galardóns Vilas en Flor 2023, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, recoñeceu o esforzo desenvolvido polos concellos inscritos a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos seus veciños a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral. Nesa liña, subliñou que a Xunta comparte o interese dos concellos pola mellora dos espazos públicos e pola súa xestión sostible a través de iniciativas como a Bandeira Verde ou a liña de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, cuxa convocatoria de 2024 contará cun orzamento de 2M€.
Na súa quenda de palabra, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosou a súa satisfacción e agradecemento á organización por escoller Tomiño como sede para a celebración dunha nova edición da entrega de distintivos. “Grazas en nome de todos os veciños e veciñas de Tomiño por darnos a oportunidade de protagonizar este evento. Este xesto é un recoñecemento á traxectoria do noso concello neste certame e reflicte a notable evolución de Tomiño nos últimos anos. Este progreso é testemuño do traballo, dedicación e compromiso coa mellora da contorna e da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, destacou.
Pola súa banda, Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, recordou que Vilas en Flor tamén potencia a produción agrícola porque aumenta a demanda dos viveiros, un sector con moito futuro: “Galicia reúne moi boas condicións para o cultivo de plantas ornamentais”, recordou.
Referencia en boas prácticas e ODS
Os 5 participantes da primeira edición de Vilas en Flor en 2018 foron aumentando progresivamente a 16, 26, 31 nos seguintes anos ata chegar aos case 40 do pasado e deste 2023. Un número que reflicte a importancia crecente da xestión sostible dos espazos verdes como eixo fundamental das políticas municipais para facer dos concellos bos lugares para vivir e visitar.
Tal e como recordou, Pedro Calaza, Vilas en Flor non é un simple concurso estético, senón que busca o recoñecemento do intenso labor que desenvolven os municipios de menos de 40.000 habitantes todo o ano para poñer en valor o medio ambiente, protexer e mellorar a súa infraestrutura verde, rural e urbana, para contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a súa saúde e promover sinerxías con outras actividades económicas coma o turismo.
Así mesmo, os espazos verdes contribúen á consecución de 3 dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas (ODS3 – Saúde e Benestar; ODS11 - Cidades e Comunidades Sostibles; e ODS15, Vida de Ecosistemas Terrestres).
Vilas en Flor Galicia segue a estela doutros programas similares xa en funcionamiento en Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia ou en países como Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom). Na comparativa con outras comunidades autónomas, Galicia é a segunda, despois de Cataluña, con maior número de municipios participantes en relación á ratio de posibles candidatos (306).
Agradecementos
Pedro Calaza non esqueceu agradecer o apoio das tres entidades organizadoras, así como destacar a implicación da Consellería de Medio Ambiente e das empresas patrocinadoras, Rain Bird e Husqvarna desde a primeira edición. Tamén tivo palabras para o equipo de expertos multidisciplinar e voluntario que, durante algo máis de 15 días, visitou cada un dos municipios nas catro provincias, varios por día.