José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, participou esta mañá no III Foro Empresarial Lácteo promovido polo Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa de Coristanco (A Coruña). Durante o relatorio "Os actores da cadea láctea", Andrade destacou que Galicia mantense como a maior produtora de leite en España achegando un “41,55% da produción estatal en 2024” con máis de 3 millóns de toneladas de leite. A cifra é unha das principais conclusións do “Informe sobre o sector lácteo de Galicia” elaborado pola Fundación Juana de Vega en base a múltiples fontes estatísticas oficiais dispoñibles, tanto autonómicas como nacionais e europeas.

“Os datos amosan que Galicia é a columna vertebral do sector lácteo en España”, resumiu Andrade. En 2024, foi responsable do 71,26% do crecemento da produción nacional, consolidándose como un exemplo de eficiencia, resiliencia e estabilidade. É dicir, de cada 10 litros que aumenta a produción de España, 7 proceden das gandarías galegas.
Actualmente, o sector lácteo galego achega o 1,23% do PIB de Galicia, pero o impacto na nosa economía é moi superior ao que indica esta cifra pola forte concatenación con outras ramas de actividade económica, sendo responsable do sostemento económico, social, ambiental e paisaxístico de moitas comarcas de Galicia.
A nivel produtivo, o sector continúa inmerso nun proceso de concentración e de intensificación. A día de hoxe, as granxas con máis de 500 toneladas representan o 32% do total (1.853) e achegan o 76% do leite de Galicia (+2,3 millóns de toneladas). En 2019 eran o 20% cun 60% do leite. Isto é motivado tanto polo aumento do tamaño medio das granxas (máis vacas por explotación) como polo incremento da produción media por animal.
“Non obstante, para manter este liderado, é imprescindible avanzar en aspectos produtivos, industriais e comerciais que nos permitan competir en igualdade de condicións coas grandes rexións de Europa”, reflexionou Andrade ao tempo que sinalaba cara a onde deben de ir os esforzos. “Con estratexias de diversificación cara a produtos de maior valor engadido e un maior aproveitamento das capacidades industriais, Galicia non só podería consolidarse como líder indiscutible en España, senón que melloraría a súa posición como actor relevante a nivel europeo”.
Na UE-27, os últimos datos estatísticos de 2023 amosan que Galicia logrou superar a rexión alemá de Schleswig-Holstein situándose como a novena rexión produtora de leite, con perspectivas de acadar o oitavo posto por riba Normandía (Francia) proximamente.
Na revisión histórica, desde 2013 a produción láctea galega experimentou un crecemento de máis do 20% (+600 mil toneladas), “unha tendencia que reflicte a capacidade e resiliencia do sector”, valoraba Andrade. A pesar desta boa evolución, Galicia aínda queda por detrás doutras rexións europeas como Southern, en Irlanda, ou Podlaskie, en Polonia, que medran a un ritmo moito maior.
Transformación industrial
No estudo da Fundación Juana de Vega, os datos devolven avances significativos, pero tamén deixan ver o camiño que queda por percorrer. Un dos principais retos é mellorar a capacidade para transformar localmente a produción. En 2023, industrializouse na comunidade o 64% do leite, unha cifra que mellora notablemente respecto de anos anteriores, pero que deixa un 36% sen valor engadido que é derivado a outras comunidades autónomas.
Neste sentido, Andrade Calvo recordou que a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego fixa como fito acadar un 75% de transformación local para 2025. “Estamos camiñando na dirección axeitada grazas aos investimentos realizados por industrias como Entrepinares (Vilalba) ou Inleit (Curtis)”, pero vai ser difícil acadar este obxectivo debido a que a produción se incrementou por riba do previsto e porque a capacidade industrial instalada non está funcionando a pleno rendemento”. Con todo, Galicia transforma 495 mil toneladas máis ca en 2018 (+35%).
Retos
Na última parte do seu relatorio, José Manuel Andrade centrouse nos desafíos máis inmediatos para o sector. A nivel de produción enumerou a remuda xeracional, a falta de man de obra cualificada, a necesidade de aumentar a base territorial, a dispoñibilidade de terras e as cuestións relacionadas coa sostibilidade e o benestar animal.
No eido industrial, considera imprescindible seguir avanzando na transformación, apostar por produtos de maior valor engadido conectados cos mercados internacionais, aliñar os requirimentos industriais cos produtivos e velar por un axeitado equilibrio ao longo da cadea de valor.