Charla sobre os custos de produción de Ternera Gallega na Carqueixa

Share

Na tarde do xoves, 14 de marzo, Adrián Sánchez, do equipo técnico da Fundación Juana de Vega, participou como relator nunha sesión formativa organizada pola Asociación de Montaña A Carqueixa, en Cervantes (Lugo) con motivo da súa asemblea anual.

A temática da súa intervención centrouse na importancia do cálculo de custos de produción para mellorar a xestión das explotacións de vacún de carne galegas e garantizar a súa viabilidade. Esta exposición estaba baseada no “Informe dos custos da produción da carne de vacún 2022. Granxas de Ternera Gallega Suprema” elaborado pola Fundación Juana de Vega. “Este tipo de encontros presenciais co sector son moi positivos para trasladarlles directamente aos gandeiros que é posible mellorar os rendementos económicos controlando determinadas partidas de gastos”, valoraba Adrián Sánchez.

O “Informe dos custos da produción da carne de vacún 2022. Granxas de Ternera Gallega Suprema” presenta resultados técnico-económicos para 2022 elaborados a partir dos datos facilitados por 25 granxas de Ternera Gallega Suprema de Galicia. Trátase dun estudo descritivo, pero non representativo debido ao reducido tamaño da mostra e á elevada heteroxeneidade deste tipo de explotacións, que aínda así achega información sobre o sector. O seu obxectivo era dar unha visión sobre as contas de resultados das explotacións de vacún de carne galegas para un mellor coñecemento dos números que manexan.

PAC e rata toupa
Nesta sesión formativa da Asociación de Montaña A Carqueixa interviñeron tamén José Manuel Ferreiro Fente, xefe do servizo do FOGGA de Lugo, que falou sobre as novidades da PAC; e Víctor Álvarez, técnico de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia. Este último expuxo a problemática da rata toupa e posibles solucións.