Hoxe en día, as prácticas agrícolas e gandeiras sostibles xa non son suficientes nun planeta moi deteriorado que sofre unha degradación e ameazas sen precedentes: erosión e perda de solo fértil, escaseza de auga, contaminación, destrución de ecosistemas naturais, desabastecemento,… En xeral, as consecuencias do cambio climático.
Neste contexto, “é necesario avanzar cara ao seguinte nivel: as prácticas rexenerativas”, destacan desde a Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI, entidades promotoras das I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa que terán lugar entre o MUNCYT, os Museos Científicos Coruñeses, Cambre e As Pontes de García Rodríguez o xoves 22 e o venres 23 de febreiro. Será un encontro dirixido, sobre todo, ao público profesional, pero no que tamén se incorporará ao debate ao consumidor final, figura relevante na cadea de valor da produción agroalimentaria.
Acompañando aos organizadores colaboran a hortícola Os Biosbardos, Soñando en Verde, Gandería Roidiz; o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), a través do MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España); e o Concello da Coruña a través da rede de Museos Científicos Coruñeses.
Coa celebración destas I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, a Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI queren traer á Coruña o debate para ser partícipes do cambio e dar o salto a un novo modelo de produción agrícola e gandeiro desde a base, poñendo o foco na ciencia do coidado do solo. A agricultura rexenerativa é un tema de actualidade tanto a nivel nacional como internacional. Dous exemplos.Tanto no pasado debate de investidura da man do presidente do Goberno como na 28ª Conferencia das Partes (COP) sobre cambio climático 2023, foi un dos asuntos incluídos na axenda.
Programa profesional e inscricións
Durante os dous días, os sete relatores convidados, todos voces referentes no estudo e na práctica rexenerativa, exporán a importancia do solo tanto a nivel global coma local. Abordarán os problemas que padece ou o traballo de reconstitución que debe realizarse tanto para a preservación de contornas naturais e humanizadas como para a creación de sistemas de produción agrícola e gandeira respectuosos e de alto rendemento. Incluso na súa condición de ferramenta fundamental para secuestro de carbono e mitigación do cambio climático.
A sesión científico-técnica do 22 de febreiro terá lugar durante toda a xornada (9.00 a 18h) no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España (MUNCYT). Os relatores convidados son a bióloga, permacultora e divulgadora galega, Edith Uhía Castro, máis coñecida polo seu perfil en redes sociais @sonhandoenverde, que dará paso ao agroecólogo e enxeñeiro agrónomo Xan Pouliquen, único formador na metodoloxía Obsalim acreditado en España de avaliación de eficiencia da ración alimentaria dos rumiantes. Cerrará a mañá o gandeiro e biólogo ambiental Antonio Tucci, que tamén rexenta unha gandería rexenerativa en Vilariño de Conso (Ourense).
Tras o xantar, Francesc Font, fundador e CEO de The Regen Academy, academia e consultoría internacional especializada en agricultura rexenerativa, exporá a súa experiencia colaborando con organizacións internacionais. A continuación intervirá o coruñés Jaime Otero para introducir aos asistentes na agricultura sintrópica e presentar o seu Proxecto Dispersor. Para rematar, o investigador do CREAF (Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais), Xavier Domene falará da biodiversidade edáfica como motor e consecuencia da agricultura rexenerativa.
A segunda parte da sesión profesional desenvolverase o venres 23 (10 a 13.30h) durante dúas sesións de traballo en campo para coñecer dous proxectos galegos en rexenerativo e reflexionar in situ sobre os contidos expostos o día anterior. Os asistentes poderán elixir entre visitar a Gandería Roidiz, nas Pontes de García Rodríguez, ou a hortícola Os Biosbardos, en Cambre.
A inscrición xa está aberta no formulario habilitado na web da Fundación Juana de Vega (https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/i-xornadas-cientifico-tecnicas-sobre-xestion-rexenerativa). O custo é de 50€ para asistencia á sesión científico-técnica (22/02) e 80€ para os dous días.
Charla aberta para o público na DOMUS
Neste debate informativo, ademais da sesión científico-técnica e das saídas a campo dirixidas ao sector profesional, tamén se quere contar cunha das figuras relevantes na cadea de valor da produción agroalimentaria: o consumidor final.
Todas as persoas que o desexen poderán asistir á charla de acceso libre que terá lugar na tarde do xoves 22 de febreiro (19 a 20.30h) no museo DOMUS para ampliar a súa visión e coñecemento e decidir o futuro que queremos. A relatora será a presidenta da Asociación de Agricultura Regenerativa, Ana Digón.
Información sobre os promotores
Con máis de 150 anos de traxectoria, a Fundación Juana de Vega (con sede en Oleiros, A Coruña) centra a súa actividade no desenvolvemento e promoción do medio rural de Galicia, realizando en paralelo diversas actividades de formación e sensibilización arredor de todos aqueles temas de actualidade que sexan de interese para o sector agro en Galicia, o coidado da paisaxe e o territorio, así como para a poboación en xeral.
A Fundación CorBI, con sede na Coruña, ten entre os seus propósitos divulgar e achegar a ciencia aos cidadáns. Recentemente, o seu programa de conferencias CorBI Citizen Science reforzouse coas charlas “Unha cultura humana”.
Programa I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa