A Fundación Juana de Vega convoca o Premio de Intervencións na Paisaxe 2026 para recoñecer a recuperación do patrimonio construído e a súa contorna

Share

A Fundación Juana de Vega abre a convocatoria do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de “Patrimonio construído e a súa contorna”, que ten por obxecto recoñecer intervencións privadas destinadas a recuperar o patrimonio construído e poñer en valor a súa contorna, cunha contribución directa á mellora da calidade da paisaxe.

Nesta XXII convocatoria do Premio, admitiranse intervencións realizadas en Galicia e finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025. As candidaturas poden ser presentadas ata o venres, 3 de xullo, polas persoas autoras ou promotoras dos proxectos.  

Entre os proxectos recibidos, o xurado valorará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular; a adecuación da intervención realizada aos usos previstos; e a capacidade da obra de converterse nunha referencia social. Nas próximas semanas farase pública a composición do xurado, que estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da arquitectura e diferentes sectores relacionados coas intervencións na paisaxe e no territorio, a arte e a cultura.

Premio e accésits

O premio ten unha dotación económica de 6.000€, e tamén poderán concederse dous accésits, a criterio do xurado, de 1.500€ cada un. As candidaturas deberán presentarse por correo postal ou de forma presencial na sede da Fundación Juana de Vega, localizada en San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña).

As bases da convocatoria poden consultarse aquí.

Máis de vinte anos recoñecendo o valor da paisaxe

O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe xurdiu en 2004 do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade por incidir directamente no seu benestar físico e social e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial. Cada unha das tres categorías actuais: “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna”, “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural” e “Intervencións en espazos exteriores”, convócanse cada tres anos de forma rotatoria.

No caso das “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna”, este 2026 é a cuarta vez que se convoca. Os proxectos premiados en edicións anteriores foron:

2023ObraAutoría
PremioAcouga Hotel Boutique (Celanova, Ourense)MOL Arquitectura
AccésitRehabilitación da Adega Pedro Leivas (Riotorto, Lugo)Manuel Eduardo López Vázquez e Belinda Yepes Jiménez (Kenda Urbanismo y Territorio)
2020ObraAutoría
PremioRecuperación do núcleo rural da Míllara e os seus viñedos (Pantón, Lugo)Viñedos do Miño e propietarios das distintas vivendas
AccésitPosta en valor dos recursos paisaxísticos e arqueolóxicos do Castro de Doade e a súa contorna (Lalín, Pontevedra)Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón
AccésitRehabilitación da pensión para peregrinos Abeiro da Loba (Madelos, Sobrado dos Monxes, A Coruña)Estévez e González Arquitectos
2017ObraAutoría
PremioCaracterización e posta en valor do Castro de Arxeriz (O Saviñao, Lugo)Fundación Xosé Soto de Fión
AccésitRehabilitación da antiga Casa Reitoral de Santa María de Olives (A Estrada, Pontevedra)RVR Arquitectos

A Fundación Juana de Vega anima a profesionais, administracións, empresas e entidades a presentar as súas candidaturas e contribuír así a visibilizar intervencións exemplares que poñen en valor o territorio galego. A través deste premio, a Fundación reafirma o seu compromiso coa protección, recuperación e dinamización da paisaxe como ben colectivo, promovendo actuacións que integran calidade, sostibilidade e identidade cultural.

RELACIONADOS