Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2026

Convocatoria 2026

Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna

1. Obxecto

O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe xorde do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente na súa riqueza cultural e benestar físico, mental e social, e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial. Para poñer en valor e axudar a mellorar a calidade paisaxística do territorio, a Fundación Juana de Vega convoca o Premio como recoñecemento a aquelas intervencións no patrimonio natural e construído que contribúan a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras intervencións.

No ano 2026 convócase o Premio na categoría de INTERVENCIÓNS NO PATRIMONIO CONSTRUÍDO E A SÚA CONTORNA, que ten por obxecto recoñecer aquelas intervencións destinadas a recuperar o patrimonio construído e poñer en valor a súa contorna, cunha contribución directa á mellora da calidade da paisaxe.

2. Prazos

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 3 de xullo de 2026 e o fallo do xurado darase a coñecer no último cuadrimestre do ano.

3. Valoración

Dentro da súa liberdade para tomar decisións, o xurado deberá valorar os seguintes aspectos nos proxectos presentados ao premio:

  • A calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe.
  • A incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular.
  • A adecuación da intervención realizada aos usos previstos.
  • A capacidade da obra de converterse nunha referencia social.

4. Candidatos

Poden ser candidatos ao premio:

Autor/es do proxecto ou da intervención, cuxo promotor sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada. Admitiranse soamente intervencións realizadas en Galicia que foran rematadas entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025.

As candidaturas poden ser presentadas polo autor/es, polos promotores ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que, ao seu xuízo, poidan ser merecedoras do premio.

5. Dotación

O premio terá unha dotación económica de 6.000,00€.

O xurado poderá repartir, se o considera pertinente, o valor económico do premio entre os autores e o promotor, podendo percibir este último non máis do 50% do mesmo.

A criterio do xurado, poderán concederse tamén dous accésits, dotados cada un deles cunha cantidade económica de 1.500€.

Os autores das intervencións galardoadas recibirán un diploma acreditativo.

Os traballos premiados serán difundidos a través da web da Fundación (www.juanadevega.org), redes sociais, prensa xeneralista e medios especializados.

6. Xurado

O xurado estará formado por dous arquitectos ou arquitectos da paisaxe de prestixio nomeados pola Fundación Juana de Vega e catro representantes de diferentes eidos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, a arte e a cultura. Ademais, formarán parte do xurado, como mínimo, un membro do padroado da Fundación Juana de Vega e o director/a da Área de Paisaxe e Territorio da Fundación Juana de Vega, que actuará como secretario/a. A Fundación Juana de Vega, de entre os membros do xurado, nomeará ao presidente do mesmo.

7. Incompatibilidade

Non poderán optar ao premio os membros do xurado, os seus asociados e colaboradores de calquera tipo, os empregados e patróns da Fundación Juana de Vega, así como os familiares dos mesmos, calquera que sexa o seu grao de parentesco

8. Documentación

A proposta deberá acompañarse da seguinte documentación: 

a. Formulario de presentación de candidaturas (ANEXO) cumprimentado e asinado polo autor ou pola persoa que presenta a candidatura. 

b. Certificación asinada polos autores na que se dea fe da finalización da obra dentro do prazo establecido no apartado quinto (periodicidade) das bases, así como a data de visado e o número de expediente colexial, acompañado do certificado final de obra no caso de que, polo tipo de intervención, se requira visado colexial. 

c. Declaración xurada do autor ou autores sobre os datos económicos obxecto do proxecto ou da intervención na que se indicará o orzamento total de execución da intervención terminada e metros cadrados obxecto da mesma. Indicaranse tamén os metros cadrados construídos totais. 

d. Declaración xurada do autor ou autores na que se dea fe de non incumprir ningún suposto de incompatibilidades sinaladas no apartado anterior. 

e. Breve memoria descritiva da intervención en formato DIN A3 horizontal que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:  

  • Texto descritivo da proposta, cunha extensión máxima de 350 palabras, no que se expoñerán os valores do proxecto e a súa achega á paisaxe, xustificando a solución adoptada, a elección de materiais e estratexias de integración da obra na contorna e os criterios de sostibilidade e de eficiencia enerxética empregados. 
  • Plano de situación da intervención que permita a súa localización. 
  • Fotografías do estado previo ao comezo das obras e do estado final das mesmas. 
  • Planos de estado previo e estado proposto, incluíndo plantas, alzados, seccións, detalles construtivos e outra documentación gráfica que se estime oportuna para contar o proxecto. 

Toda a documentación deberá presentarse en soporte papel co formato e as dimensións indicadas nos apartados anteriores. Os apartados a, b, c, d poderán entregarse en formato DIN A4 como anexos á memoria. 

Ademais, presentarase toda a documentación en soporte dixital, atendendo aos seguintes criterios: 

  • A memoria e os anexos presentaranse en arquivos PDF, debidamente identificados. 
  • Os planos e fotografías incluídos na memoria entregaranse tamén por separado, dentro dun cartafol, en formato JPG cunha resolución mínima de 300 ppp. 

A documentación achegada quedará en propiedade da Fundación Juana de Vega. Igualmente, todo o material gráfico e fotografías estarán libres de dereitos de autor e os concursantes galardoados co Premio, accésits e finalistas, autorizan expresamente á Fundación Juana de Vega, polo feito de presentar a súa candidatura, a utilizar a documentación gráfica para a edición de publicacións en soporte papel ou en dixital, co obxectivo de difundir os resultados das diferentes convocatorias. 

9. Lugar de presentación de candidaturas

As candidaturas deberán presentarse por correo postal ou presencialmente en:

Fundación Juana de Vega
Avenida Salvador Allende, 92
15176 San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña)

10. Fallo do xurado

O xurado, á vista da documentación presentada, poderá realizar unha selección previa daquelas intervencións ou obras que, considere, reúnen condicións suficientes para optar ao premio, e realizar unha posterior visita ás mesmas. Os premios e accésits poderán quedar desertos se as propostas presentadas non se consideran axustadas aos obxectivos do mesmo. 

Unha vez analizadas todas as propostas, as decisións do xurado adoptaranse por maioría simple, sen voto de calidade. As decisións do xurado así adoptadas serán inapelables. 

O fallo do xurado farase público a través da páxina web da Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org) e noutros medios. Igualmente, os autores premiados recibirán unha comunicación por escrito na que se lles dará conta da resolución do Xurado. 

A entrega do premio realizarase nun acto público que terá lugar na sede da Fundación Juana de Vega, no último cuadrimestre do ano. 

11. Aceptación das bases

A simple presentación de propostas para optar ao Premio implica o coñecemento e a plena aceptación da convocatoria 2026. Aquí, podes consultar as bases xerais do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe.

12. Acta do xurado

Estará dispoñible para descarga unha vez entregado o premio.

Share