A Consellería de Medio Ambiente e a Fundación Juana de Vega presentan unha guía de integración paisaxística dos valados en Galicia

Share

Oleiros, 21 de xullo de 2017.- A sede da Fundación Juana de Vega acolleu hoxe a presentación da Guía de Caracterización e Integración Paisaxística de Valados de Galicia, elaborada pola Escola galega da Paisaxe Juana de Vega e o Instituto de Estudos do Territorio, en virtude do convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia. Estes traballos son continuación dun anterior no que se estudaron as tipoloxías dos peches en doce áreas paisaxísticas e que agora faise extensible ás 50 comarcas nas que se dividen esas doce áreas. O obxectivo xeral desta guía consiste en concretar os criterios que sirvan para avaliar e mellorar a calidade da paisaxe galega. Os valados e os seus peches son elementos fundamentais na paisaxe galega, marcada pola fragmentación do territorio, que conta con 11 millóns de parcelas agrícolas repartidas nunha media de 0,25 hectáreas por parcela.

O seu valor non é meramente estético ou funcional, senón que contan cun importante valor ecolóxico, paisaxístico e patrimonial. Por tanto, é necesario abordar a súa conservación e mesmo fomentar a harmonización e integración co territorio. Así o suliñou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que estivo presente neste acto xunto co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre.

Na súa intervención, a conselleira amosou a súa satisfacción por traballar coa Fundación Juana de Vega, suliñando a calidade da súa actividade divulgadora. Tamén destacou que pese a seren estruturas sinxelas, son elementos cun indubidable valor, xa que os valados son os cerramentos da suma de micromundos de que se compón a paisaxe galega. Por tanto, lembrou que non foi tarefa doada este traballo, polo que quixo felicitar ao equipo conformado pola Escola Galega da Paisaxe e o Instituto de Estudos do Territorio.

Na mesma liña expresouse o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, que suliñou que estas experiencias fortalecen a entidades como a Fundación Juana de Vega, engadindo a importancia de que a administración conte coa sociedade civil e confíe nela para levar adiante iniciativas conxuntas que incidan na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no desenvolvemento do territorio.

A guía inclúe unha recopilación de información e estudos sobre a complexa realidade galega, así como unha caracterización das tipoloxías tradicionais de valados en Galicia segundo a comarca paisaxística e o tipo de paisaxe. Tamén incorpora unha listaxe de medidas e criterios de integración e minimización dos impactos paisaxísticos na construción dos peches e modelos e propostas con novos materiais e tecnoloxías, ademais de información complementaria como fotografías, cartografía, información xeográfica e montaxes.

En concreto, analizáronse os tres grandes grupos de cerramentos, divididos en vexetais, de pedra e mixtos. Nos criterios para a súa integración apóstase claramente polos valados vexetais, non só poque ofrecen unha imaxe de continuidade da paisaxe agrícola e teñen un papel moi importante a nivel ecolóxico, que convirte ás parcelas en illas de biodiversidade.

A directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, explicou na súa intervención que non só é necesario reivindicar o papel patrimonial dos peches, senón tamén suliñar a súa aportación ao singular carácter paisaxístico de Galicia, sendo algún deles verdadeiras obras de arte, pese á modestia dos materiais utilizados, que eran normalmente os sobrantes en cada unha das zonas estudadas. Por último, destacou que con este traballo cúmplense os obxectivos da Escola Galega da Paisaxe: promover o estudo, investigación e intercambio de coñecementos e posta en valor da integración paisaxística galega. Tamén suliñou o apoio prestado pola Consellería e o Instituto de Estudos do Territorio, cunha comunicación sempre fluída e abertos a todas as necesidades do equipo da Escola Galega da Paisaxe.

Será a folla de ruta para a modernización e creación de valados en todos os concellos, co fin de harmonizar e fomentar a integración destes elementos fundamentais da paisaxe galega, marcada pola fragmentación do territorio con 11 millóns de parcelas agrícolas e unha media de 0,25 hectáreas por parcela

A guía inclúe una caracterización das tipoloxías de valados, tendencias actuais na súa construción, e finalmente criterios de integración dos valados e un catálogo de modelos e metodoloxías para poder realizalos mediante novas tecnoloxías

A publicación é posible grazas ao convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, polo que o acto contou coa presenza da súa titular, Beatriz Mato, así como o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre