Xosé Ramón Veiga presenta a biografía de Juana de Vega na Feira do libro da Coruña

Share

As presentacións públicas da biografía “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1803 -1872). Facer no século” (Editorial Galaxia) son unha magnífica oportunidade para coñecer a intensa vida e as múltiples facetas da nosa fundadora: acérrima defensora do liberalismo, política, mecenas, filántropa, educadora, escritora,… Tamén as pegadas que dela aínda se atopan na cidade da Coruña, onde residiu boa parte da súa vida.

Como explicaba onte o autor, Xosé Ramón Veiga, no evento da Feira do libro da Coruña o martes 8, de agosto: “Juana de Vega foi todo o que unha muller da sociedade ben pensante do s. XIX podía ser e sublimándoo, levándoo a súa quinta esencia”.

Despois de facer un repaso polos grandes capítulos da súa biografía, Veiga recordou tamén que “cando morre, Juana de Vega fai algo excepcional para o seu tempo, deixar o seu patrimonio para crear unha granxa – escola cando o habitual era doalo a unha institución relixiosa ou en herdanza á familia”. Hoxe en día, este legado e a súa vontade continúa a través da Fundación Juana de Vega.

Ramón Villares, vogal do padroado da Fundación Juana de Vega e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela foi o encargado de presentar o evento e o traballo de investigación realizado para este libro: “Esta dama excepcional do liberalismo español por fin atopou o seu biógrafo”, destacou.

A última biografía sobre a figura de Juana de Vega foi promovida en 2022 pola Fundación en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia con motivo do 150 aniversario do pasamento da promotora da nosa entidade.

Xosé Ramón Veiga, escritor e historiador: “Juana de Vega foi todo o que unha muller da sociedade ben pensante do s. XIX podía ser e sublimándoo, levándoo a súa quinta esencia”.