O vindeiro xoves, 21 de marzo terá lugar na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros (A Coruña) a presentación do proxecto ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II: avanzando cara á optimización produtiva, comercial e loxística, que desenvolveremos xunto á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a Escola Infantil Municipal A Caracola (A Coruña), co apoio da Fundación Daniel y Nina Carasso.
O proxecto ECOCOMEDORES xurdiu en 2015 como unha alianza entre produtores, centros escolares e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo para potenciar o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade nos comedores escolares. O programa busca a colaboración de todos os axentes involucrados “alumnado, profesorado, persoal de cociña, familias, ANPAS, nutricionistas, sector agroalimentario e administracións" de xeito que se lle outorgue prioridade aos alimentos de proximidade, de tempada e ecolóxicos, mellorando así a calidade do menú escolar, fomentado a economía circular, o desenvolvemento socioeconómico da contorna, contribuíndo á mitigación do cambio climático.
Neste 2024 iniciamos unha nova fase co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso. Para os próximos tres anos, o ECOCOMEDORES II fixou novos e ambiciosos obxectivos para escalar a folla de ruta xa iniciada no ámbito do consumo de produtos ecolóxicos en comedores colectivos.