Tendencias en agromárketing

Xoves 14 - venres 15 de marzo | EFA Piñeiral

Xornadas de emprendemento e innovación en empresas de economía social do sector agroalimentario galego

A Fundación Juana de Vega, no marco das axudas da Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e da economía social, organiza unha serie de xornadas de divulgación de aspectos relacionados co emprendemento innovador no sector agroalimentario, poñendo o foco nas entidades de economía social.

As segunda das catro xornadas previstas para 2024 terá lugar en colaboración coa EFA Piñeiral Centro de Formación Profesional de Arzúa, os días 14 e 15 de marzo. Nesta ocasión, a temática elixida é a importancia de aplicar técnicas e accións estratéxicas de comunicación e de márketing para potenciar e mellorar as vendas dos produtos agroalimentarios. Durante dous días, analizaremos, debateremos e profundaremos sobre como traballar a presentación e identidade do produto como eixo vertebrador da estratexia de comunicación e venda.

A xornada conta cunha primeira parte de divulgación do emprendemento en economía social no sector agroalimentario e, charlas sobre aspectos innovadores de mellora da competitividade das empresas agroalimentarias, así como cunha mesa redonda con entidades sociais do sector agraolimentario que aplican a innovación de produto nos seus plans de negocio. O segundo día, as xornadas cerraranse coa visita a unha entidade de economía social da contorna.

Obxectivo
As xornadas teñen como finalidade contribuír ao desenvolvemento da cultura do emprendemento e das habilidades innovadoras no sector de produción e transformación de alimentos con modelos produtivos baseados na economía social que xeren no só impacto económico no medio senón tamén un impacto social e ambiental positivo no territorio.

Trátase tamén de mellorar a competitividade das empresas agroalimentarias a través de varios obxectivos:

  • Coñecer os elementos máis relevantes dunha estratexia de comunicación e de márketing.
  • Coñecer as novas tendencias de comunicación, deseño, presentación e márketing online e offline dos produtos agroalimentarios.

Así mesmo, as xornadas axudarán a crear sinerxías entre os centros educativos colaboradores e as empresas agroalimentarias da zona, así como entre o alumnado dos centros e o ecosistema empresarial da comarca.

A quen se dirixe?
As xornadas teñen tres grupos destinatarios:

  1. Produtores primarios locais que poden incrementar a rendibilidade da súa explotación con novas ideas de negocio vinculadas a pequenas transformacións a escala artesanal e produtos alimentarios de calidade.
  2. Os propietarios ou traballadores de pemes agroalimentarias interesados en abordar novos desenvolvementos innovadores.
  3. Alumnos e alumnas das escolas participantes (a gran parte deles menores de 30 anos) que poden ser futuras persoas emprendedoras, ben como remuda das explotacións familiares ou como traballadores das entidades do sector agroalimentario.

Prazas
10 prazas dispoñibles

Axenda

Xoves, 14 de marzo

9:30 a 11:30h.- “Emprendemento no sector agroalimentario” | José Manuel Suárez, socio director en iuni strategic marketers

11:30 a 12:00h.- Pausa café

12:00 a 14:00h.- “Estratexias de comunicación off/online” |  José Ramón Porto, director de Pe Marketing

14:00 a 15:30h.- Xantar

15:30 a 17:30h.-  “O alcance do teu produto no punto de mira” | Luis Feijoo, El fotogastro

 

Venres, 15 de marzo

9:30 a 11:30h.- “Gastroinfluencers: unha tendencia na innovación da comunicación agroalimentaria” | Rita Bello e Alba Mouriño, LAS-DOS comunicación

11:30 a 12:00h.- Pausa café

12:00 a 14:00h.- Mesa redonda sobre emprendemento e innovación:

  1. Ana Vence, Cooperativa Campo Capela
  2. Raquel Freire, Asociación Raíña Paraíso
  3. Fernando Fernández, Erica Mel SCG
  4. Carmela Valiño, Muuhlloa SCG

14:00 a 15:30h.- Xantar

15:30 a 17:30h.- Visita a Milhulloa (Palas de Rei, inclúe traslado en autobús)

 

Estas xornadas enmárcanse no programa de actuación 2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social.