Neste 2024, a Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria organizan unha nova edición da formación en Fruticultura, que estará dividida en varios cursos. O segundo destes cursos centrarase na propagación de froiteiras e técnicas de cultivo.
Durante as 60 horas de formación, os asistentes farán un repaso a diferentes producións frutícolas de interese na nosa comunidade, desde as máis difundidas como as maceiras, castiñeiros e kiwi ata outras menos estendidas como cítricos, aguacate, oliveiras ou pequenos froitos. Na parte práctica, estudaranse diversas técnicas de cultivo como estacaxe, sementeira, acodo mediante corte e recalce, ou enxerta.
Na parte final da formación, reserváronse un par de sesións para coñecer as enfermidades e as pragas das froiteiras, así como os tratamentos fitosanitarios máis axeitados para o seu control, desde o enfoque dun uso racional. Deste xeito, reducirase tanto o risco para a saúde humana como para o medio ambiente minorando, así mesmo, os custos de produción. O programa inclúe ademais unha visita de campo.
Este curso ten un enfoque eminentemente práctico, cunha duración descontinua que abrangue de abril a xuño. A xornada de clausura será en decembro, momento no que se fará entrega dos diplomas.
Obxectivos
Ao remate do curso, o alumnado será capaz de:
- Coñecer diferentes técnicas de cultivo e multiplicación de árbores froiteiras da zona atlántica.
- Realizar tarefas de control de enfermidades e pragas segundo métodos convencionais ou ecolóxicos.
Horas: 60
Prezo: 100€
Prazas: 20
Lugar
Todas as sesións son prácticas e terán lugar no CFEA de Guísamo (Bergondo) e na Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros) en horario de 16:00 a 20:00h.
Pola metodoloxía eminentemente práctica do curso, as condicións climatolóxicas poden obrigar a facer pequenos cambios e adaptacións do calendario.
Coordinadores xerais
Camino Nicolás Velado. CFEA de Guísamo (AGACAL)
Elena López Colmenero. Fundación Juana de Vega
Coordinador técnico
Luis Quinteiro González
Asistencia
A obtención do certificado de aproveitamento implica a asistencia ao 80% das horas lectivas.