Campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, co patrocinio da Deputación da Coruña, organiza unha campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña.

 

Introdución

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega co patrocinio da Deputación da Coruña, organiza unha campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña.

Nas últimas décadas, os problemas ambientais foron tomando maior importancia, en particular aqueles derivados da contaminación, dunha inadecuada xestión do territorio e do gran crecemento demográfico. Iso implica a necesidade de accións directas e cambios no paradigma da ocupación e xestión do solo, así como nos sistemas produtivos, de transformación e de deseño urbano.

Esta preocupación foi recollida pola UE na Estratexia Europea en materia de infraestrutura verde, co fin de promovela en toda Europa. Esta estratexia ten como obxectivo crear un marco robusto e propicio para fomentar e facilitar proxectos de infraestrutura verde mediante os instrumentos financeiros, políticos e xurídicos existentes. Recoñece que a infraestrutura verde pode realizar unha contribución considerable á aplicación eficaz dunha ampla gama de políticas comunitarias coas que se poden conseguir algúns ou todos os obxectivos buscados mediante as denominadas solucións baseadas na natureza. Tamén sitúa con firmeza o uso da infraestrutura verde no contexto da estratexia de crecemento europea, que insta ao desenvolvemento dun programa de crecemento integrador, sostible e intelixente en toda a UE.

Nesta publicación indícase que todos os estados membros teñen o deber de publicar a súa propia estratexia de infraestrutura verde. Consecuentemente, o 13 de xullo de 2021 apróbase en España a Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas, establecendo que cada comunidade autónoma debe desenvolver a súa e, a escala municipal, tamén deberán facelo os concellos.

A estratexia nacional é o documento de planificación estratéxica que regula a implantación e o desenvolvemento da infraestrutura verde no noso país, establecendo un marco administrativo e técnico harmonizado para o conxunto do territorio español, incluíndo as augas marítimas baixo soberanía ou xurisdición nacional. A publicación, concretamente no apartado 10.1, incide na gobernanza e nas competencias das Administracións locais:

Corresponderá aosConcellos e a outras entidades locais como Cabildos, Consells insulares e Deputacións, no seu caso, a delimitación e identificación dos elementos da Infraestrutura Verde nos seus ámbitos de actuación, a súa planificación e xestión, e a súa coordinación intermunicipal. Así mesmo, a xestión poderá ser delegada en entidades privadas baixo acordo de custodia do territorio e, no seu caso, a Administración exercerá un papel de tutela.

Isto implica que os concellos deben estudar e xestionar os diferentes elementos que configuran a súa rede de infraestrutura verde local. No medio urbano, existen diversas tipoloxías de elementos da infraestrutura verde que tradicionalmente, aínda que existen matices conceptuais e de principios e características, denomínanse áreas ou espazos verdes. É por iso que se precisa divulgar esta estratexia e profundar no concepto e na súa implementación a nivel local, ofrecendo aos responsables municipais –tanto técnicos como políticos– un marco de coñecemento e a exposición dunhas ferramentas para poder traballar na identificación, delimitación e xestión oportuna da infraestrutura verde a escala municipal.

Na provincia da Coruña a Fundación Juana de Vega, en colaboración co Instituto de Estudos do Territorio, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e o Instituto Tecnolóxico de Galicia, traballou durante os anos 2017, 2018 e 2019 no deseño dunha estratexia de infraestrutura verde que integrou 31 concellos da contorna da cidade da Coruña. Porén, resulta necesario ampliar a divulgación e formación técnica específica en infraestrutura verde. Con este obxectivo xurde esta campaña formativa enfocada a responsables municipais, co fin de apoiar a gobernanza recollida na estratexia nacional e facilitar o traballo dos concellos da provincia da Coruña.

Obxectivos

O obxecto da campaña formativa é a divulgación do concepto de infraestrutura verde e a súa aplicabilidade a nivel municipal, de xeito que os asistentes adquiran os coñecementos necesarios para promover a súa implementación, acadando un entendemento dos seguintes aspectos:

  • Concepto de infraestrutura verde e importancia da súa planificación estratéxica a nivel municipal
  • Morfoloxía espacial e compoñentes da infraestrutura verde: núcleos, corredores, áreas de amortecemento, áreas multifuncionais e elementos urbanos
  • Metodoloxías para o cálculo e cartografado dos servizos ecosistémicos a escala local
  • Mecanismos para o financiamento e a implementación da infraestrutura verde
  • Métodos de ordenación e xestión da infraestrutura verde urbana

Metodoloxía de traballo

O formato da campaña é unha combinación de intervencións de expertos nas distintas materias que engloba a planificación e implementación da infraestrutura verde a escala autonómica e local, contando ademais coa presenza de relatores invitados que constitúen unha referencia neste eido a nivel nacional. Ademais, contémplase un espazo participativo no que os asistentes poderán achegar propostas de infraestrutura verde a desenvolver nos concellos aos que representan para avaliar a súa idoneidade, posibles vías para de implementación e incluso opcións de colaboración intermunicipal.

A quen está dirixida?

A campaña está dirixida a responsables municipais –tanto políticos como técnicos- dos concellos da provincia da Coruña, así como a calquera outra persoa interesada, establecendo cinco cursos que engloban as seguintes comarcas:

  • Bergondo. Betanzos - A Coruña – Bergantiños
  • Santiago de Compostela. Ordes - Arzúa - Terra de Melide – Santiago
  • Ferrol. Eume - Ferrol - Ortegal
  • Noia. Muros e Noia - O Sar – Barbanza
  • Muxía. Terra de Soneira - Fisterra - Xallas - A Barcala

Axenda

Programa

Día 1.

A infraestrutura verde como estratexia de planificación territorial

10.00 – Presentación

10.30 – Introdución

  • Contexto e concepto
  • Características e propiedades
  • Marco legal

11.30 – PAUSA CAFÉ

12.00 – Morfoloxía, anatomía e compoñentes principais

  • Núcleos. Definición e selección
  • Corredores. Definición e selección. Tipoloxías
  • Zonas de amortecemento e multifuncionais. Definición e selección. Tipoloxías.

13.00 – Servizos ecosistémicos

  • Que son os SE?
  • Identificación e cuantificación dos SE

14.00PAUSA XANTAR

15.3016.15 Implementación da IV. Mecanismos de financiamento

16.1517.00 A estratexia galega de Infraestrutura Verde

17.0018.00 Presentación de casos prácticos da IV como ferramenta de planificación estratéxica a escala nacional/internacional

18.00 – Fin da xornada

Día 2.

A infraestrutura verde a escala municipal

10.00 – A infraestrutura verde e os ODS

11.00 – A infraestrutura verde urbana

12.00PAUSA CAFÉ

12.30 – Exemplos de implementación da IV municipal e supramunicipal. A Estratexia de Infraestrutura Verde da área da Coruña

13.15 – Aplicacións prácticas para o deseño e xestión dos espazos da IV urbana

14.00PAUSA XANTAR

15:30 – Espazo participativo – obradoiro. Dúbidas, revisión de propostas…

17:30 – Conclusións e finalización da xornada

18.00 – Fin da xornada

Docentes

A campaña formativa estará coordinada polo Dr. enxeñeiro agrónomo e Dr. en arquitectura da paisaxe Pedro Calaza Martínez, experto en infraestrutura verde e director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Ademais contará coa presenza de Camilo Blanco Pampín, Nuria Freire González e Mercedes Máquez Roel, arquitectos e master en arquitectura da paisaxe con experiencia no desenvolvemento de estratexias de infraestrutura verde, así como coa colaboración de Encarnación Nieto do Instituto de Estudos do Territorio e Jorge M. Blanco, xerente da asociación Mariñas-Betanzos, entidade xestora da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Cada un dos cursos disporá asemade da intervención dun relator convidado, experto en infraestrutura verde a escala nacional, que aportará unha visión de referencia sobre o desenvolvemento e implementación de estratexias de infraestrutura verde en lugares como Barcelona, Zaragoza, Salamanca, Santander o Bilbao.

Duración

A formación organízase en 2 xornadas de 6 horas por día para cada seminario formativo.

Datas e localizacións

  • 22 e 23 de novembro de 2021 – Sede da Fundación Juana de Vega (Betanzos – A Coruña – Bergantiños)
  • 29 e 30 de novembro de 2021 – Antigo Hospicio de Ferrol (Eume – Ferrol – Ortegal)
  • 1 e 2 de decembro de 2021 – Cidade da Cultura (Ordes – Arzúa – Terra de Melide – Santiago)
  • 13 e 14 de decembro de 2021 – Casino de Noia (Muros e Noia – O Sar – Barbanza)
  • 21 e 22 de decembro de 2021 – Parador de Muxía (Terra de Soneira – Fisterra – Xallas – A Barcala)

Inscrición gratuíta

As persoas interesadas deberán inscribirse no seguinte formulario. O aforo é limitado e as prazas asignaranse por orde de inscrición, polo que recomendamos que faga a súa inscrición canto antes.

Pechada a inscripción

Máis información no email info@juanadevega.org e no teléfono 981 654 637.

Patrocina

Colabora

DESCARGAS