Xornada da Cátedra Juana de Vega no Campus Terra de Lugo para destacar a innovación social feminina no ámbito rural

Share

O venres, 5 de decembro, a Cátedra Juana de Vega organizou no Campus Terra de Lugo a xornada "Arredor do rural. Aprendizaxes dende as voces das mulleres". Durante todo o día leváronse a cabo actividades focalizadas no recoñecemento á innovación social no rural promovida por mulleres que habitan nesta contorna. O encontro tamén estaba pensado para promover as sinerxías e a colaboración con profesorado e estudantado universitario.

A xornada comezou pola mañá, ás 10.30 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) da USC coas palestras das profesoras Mar Pérez Fra, do departamento de Economía Aplicada, sobre "Mulleres e espazos rurais en Galicia: desafíos e conquistas" e Elena Freire Paz, do departamento de Filosofía e Antropoloxía, sobre as "Facedoras de marca. Mulleres rurais na Galicia do século XXI". A seguir, houbo unha sesión de microconversatorios entre os proxectos asistentes.

A continuación, a cooperativa A Carqueixa dos Ancares serviu o xantar na Facultade de Humanidades para continuar a conversa informal durante este descanso.

Xa en quenda de tarde, a partir das 15.30 horas, houbo unha feira na que diferentes organizacións amosaron o seu traballo para logo deixar paso ao faladoiro entre experiencias de emprendemento socioeducativo, no que participaron as cooperativas Arabías e Amarelante, a asociación Darredor, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Asociación de Productoras Eo Alimenta. O faladoiro foi gravado en formato podcast para ampliar o seu alcance. O encontro acabou coa elaboración das conclusións comúns.

Xuvenlab, spin-off da USC, organizou talleres científicos para a cativada durante a sesión de tarde para posibilitar a conciliación dos asistentes.

Este evento xurdiu da colaboración entre a Cátedra Juana de Vega, dirixida ao estudo de iniciativas e procesos de modernización do sector primario de Galicia e a reflexionar sobre o papel xogado neles polas mulleres, e o colectivo interdisciplinario Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, formado por persoal universitario, estudantado e profesionais e activistas do medio rural, que levan tempo promovendo a colaboración entre academia e medio rural a través de prácticas docentes e de investigación que derruben os muros entre contextos e asenten territorios para o coñecemento.

Ver aquí o programa da xornada: