A Estratexia de Dinamización Económica, Territorial e Turística das Comarcas Vitivinícolas de Galicia 2021- 2026 posta en marcha pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Rural, ten como obxectivo fundamental consolidar o sector vitivinícola nos mercados nacionais e internacionais, reforzar a súa imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se produce e impulsar o enoturismo, aproveitando os recursos naturais e patrimoniais do territorio dun xeito sostible.
Este documento reúne ata 46 medidas e case 300 accións repartidas en sete eixes estratéxicos que abranguen desde a imprescindible cooperación sectorial ata a atención ao patrimonio natural, cultural e paisaxístico, pasando pola produción, a industria, a comercialización e os mercados, as denominacións de orixe, o turismo ou a promoción.
O traballo reflicte, por unha banda, o impacto integral do mundo do viño para a nosa comunidade. Pola outra, a importancia dun sector económico que xera emprego e riqueza para máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas, que acadan un valor económico superior aos 230M€ anuais.