Caracterización e recuperación de variedades vexetais autóctonas de interese agrario

A Fundación Juana de Vega, o Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria da Xunta de Galicia (INGACAL) e a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio para a identificación e caracterización de todas as variedades vexetais autóctonas de Galicia.

 

A Fundación Juana de Vega, o Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria da Xunta de Galicia (INGACAL) e a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio para a identificación e caracterización de todas as variedades vexetais autóctonas de Galicia que poidan ter interese agrario (unhas 86 variedades de horta, froiteiras, forraxeiras, cereais, millo e vide), co obxectivo de inscribilas nos rexistros oficiais do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, así como prover de material vexetal certificado a viveristas e a outros interesados en dispoñer de planta certificada de calquera das variedades identificadas.

A conservación dos recursos fitoxenéticos é de vital importancia para garantir o futuro e a sustentabilidade da agricultura, así como para lograr unha maior diferenciación e calidade das nosas producións agrarias.

O convenio, que conta con financiamento da Fundación Juana de Vega e o INGACAL, permitirá a contratación de persoal técnico e investigador para poñer a disposición dos centros de investigación agraria e forestal da Xunta (Centro de Investigación Agraria de Mabegondo, o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) e permitirá a mobilización de fondos FEADER da medida de apoio á conservación, uso e desenvolvemento sustentable dos recursos xenéticos na agricultura. En total, investiranse case 1,5 millóns de euros neste proxecto que finalizará en 2020.

Novas relacionadas