A Fundación subscribiu un convenio marco de colaboración coa Fundación Cidade da Cultura, para o desenvolvemento de actuacións conxuntas que conduzan á mellora paisaxística da contorna da Cidade da Cultura.
A primeira iniciativa promovida pola Fundación Cidade da Cultura, na que participou a Escola Galega da Paisaxe, foi o deseño do proxecto Bosque de Galicia, que ocupará as ladeiras do compostelán Monte Gaiás para recrear un bosque tradicional galego que, na súa primeira fase de execución, albergará unhas 9.000 árbores en 24 hectáreas de terreo.
O bosque, que se conectará coa cidade de Santiago, favorecerá a biodiversidade, terá un efecto positivo sobre o río Sar e permitirá recuperar un antigo trazado agrario, creándose deste xeito un espazo para o lecer e goce dos cidadáns de Santiago de Compostela e visitantes.