Oleiros, 29 de setembro de 2021.- A Fundación Juana de Vega acolleu o día 27 de setembro a xornada de presentación de resultados do proxecto piloto sobre Elaboración sostible de tepes para xardinería, paisaxismo e restauración ambiental, financiado coa axuda para a execución de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
O proxecto foi impulsado por A Man de Prado S.L.U, en consorcio cunha empresa de xardinería, ÁrboreJardín, un fabricante de substratos sostibles, Orgánica de Sustratos, a Fundación Juana de Vega, o Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñeira da Universidade de Santiago de Compostela.
O proxecto desenvolveuse durante os anos 2019, 2020 e 2021.
A xornada de presentación comezou cun relatorio marco a cargo de Pedro Calaza Martínez, axente de innovación do proxecto e Director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, que analizou o empeoramento dos graves problemas ambientais e sociais no territorio, especialmente nas cidades onde vive máis do 50% da poboación mundial, facendo un repaso das ideas, solucións ou estratexias que van xurdindo e que contribúen a minimizar o impacto negativo, en particular o derivado do cambio climático, a fragmentación do territorio ou a perda de biodiversidade.
Finalmente analizou a estratexia europea de infraestrutura verde como unha ferramenta de planificación territorial desde unha perspectiva ecolóxica para paliar estes problemas e ofrecer escenarios de vida cada vez máis saudables.
A continuación Adolfo López Fabal, investigador da USC, destacou os principais resultados do proxecto, especialmente os do estudo do comportamento de especies comerciais e locais empregadas como material vexetal en cubertas tapizantes que permitan ás empresas de xardinería e paisaxismo a selección de tepes específicos (adaptados a diferentes usos e ás condicións de Galicia) para as súas actuacións, especialmente naquelas que requiran solucións baseadas na natureza e elementos de infraestrutura verde.
Os tepes permiten entregar os traballos de xardinería rematados, sen tempos de espera para a implantación e crecemento da vexetación. Tamén melloran o éxito na implantación e reducen os custos de mantemento, o que significa un importante aforro de man de obra para as empresas de xardinería.
A xornada contou con 36 inscritos pertencentes a empresas de xardinería, viveiros, administración autonómica e estudantes.