Oleiros, 1 de setembro de 2021. A Fundación Juana de Vega colabora co Instituto de Estudos do Territorio na elaboración da Guía de Boas Prácticas para a Identificación e Acondicionamento de Miradoiros, presentada onte pola Xunta de Galicia no miradoiro de Pedra da Ra (Ribeira).
Esta nova publicación da colección PAISAXE GALEGA pon o foco nos miradoiros pola súa importancia como lugares con características excepcionais para a contemplación da contorna e a mellora do coñecemento e interpretación das distintas paisaxes de Galicia por parte da poboación.
O principal obxectivo da Guía é establecer unhas pautas para a identificación e acondicionamento de miradoiros, de xeito que queden expostos uns criterios básicos de aplicación para a selección de novos puntos de observación, así como de boas prácticas para a integración paisaxística tanto das intervencións en novos miradoiros como nas actuacións de mellora dos existentes.
Con tal fin, recóllese unha revisión do estado da arte e unha metodoloxía de análise cartográfica que determina o valor paisaxístico dos miradoiros en base ao seu potencial panorámico e estratéxico, á vez que se elabora unha análise comparada de casos de estudo a través de visitas en campo a 144 miradoiros de referencia repartidos en 95 municipios das 12 Grandes Áreas Paisaxísticas recollidas no Catálogo das Paisaxes de Galicia.
Realízase unha clasificación dos miradoiros en base ás súas temáticas -en relación á paisaxe observada: paisaxes de augas doces, costeiras, agrícolas, de montaña, urbanas, industriais, patrimoniais ou do ceo nocturno-, tipoloxía -segundo a morfoloxía de cada intervención: tipo sentadoiro, xanela, refuxio, torre, balcón ou área-, e elementos singulares que caracterizan o miradoiro -tales como presenza de formacións rochosas relevantes, elementos patrimoniais arquitectónicos, escultóricos, industriais ou militares, patrimonio inmaterial ou condicións especiais para a observación astronómica-.
En base a este estudo identifícanse tanto as potencialidades e boas prácticas de intervención, como aquelas problemáticas frecuentes que afectan aos miradoiros galegos. Estas conclusións son o punto de partida para establecer unha serie de pautas de intervención que permitan alcanzar a integración paisaxística dos miradoiros, prestando especial atención ao respecto polo lugar, á selección da tipoloxía máis adecuada para cada caso, ao tratamento dos elementos singulares existentes e, en xeral, á calidade e conservación no tempo de todos os elementos que conforman o miradoiro, atendendo a criterios de sostibilidade e axeitado mantemento. Así, a Guía recolle unha serie de exemplos prácticos con solucións a diversas problemáticas frecuentes detectadas nos miradoiros de toda a xeografía galega, para finalmente propoñer modelos específicos de intervención para cada unha das tipoloxías identificadas de miradoiros, aportando solucións concretas a casos de estudios reais.
A Guía está dirixida aos distintos axentes que interveñen nos miradoiros, principalmente técnicos especialistas, pero tamén ás diferentes administracións e outras partes que participan na toma de decisións ao respecto dos miradoiros, como promotores e empresas de diversos sectores económicos, da construción, xardinería ou mantemento e, en xeral, a calquera persoa interesada que poida encontrar nesta publicación información relevante sobre un bo número de miradoiros representativos da xeografía galega.