Oleiros, 22 de abril de 2022.- A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, en colaboración co museo etnográfico Casa do Patrón, organiza o seminario internacional de paisaxe titulado Patrimonio rural e Paisaxe, que se celebrará entre o mércores 4 e o sábado 7 de maio na citada Casa do Patrón, en Lalín. Este museo leva anos traballando pola investigación e a difusión de xacementos arqueolóxicos existentes no contorno. Neste caso, o seminario centrarase no castro de Doade, que se atopa na parroquia que lle da nome. Pertence ao concello de Lalín, territorio incluído na grande área paisaxística de Galicia Central, na comarca do Deza.
O seminario está dirixido por Joao Nunes, un dos grandes referentes europeos en arquitectura da paisaxe, tanto a nivel profesional, como socio fundador e presidente do prestixioso estudio PROAP, como académico e docente, no Instituto Superior de Agronomía de Lisboa e outras entidades universitarias en Venecia, Milán, Turín ou Roma. Participarán neste seminario principalmente arquitectos, paisaxistas, urbanistas, xeógrafos e outros profesionais que traballan ou con interese no campo do desenvolvemento e a planificación da paisaxe e do medio rural.
O obxectivo desta proposta formativa é, ademais de divulgar o territorio do Deza e os seus recursos patrimoniais e naturais, formular propostas para a contorna do castro de Doade que sirvan para a súa posta en valor e a divulgación da cultura e os valores do medio rural. Ademais, reflexionarase sobre o xeito en que o carácter da paisaxe pode contribuír ao desenvolvemento sostible do territorio.
O castro de Doade é un referente como patrimonio rural. Consiste nun espazo habitacional fortificado, que ocupa case unha hectárea, posiblemente dedicado á obtención de recursos, e puido ter estado habitado ao longo da Idade do Ferro e o período romano. Está situado nunha contorna de formas suaves do relevo de serras e vales, nunha densa rede hidrográfica e cun rico mosaico agrogandeiro e forestal. Ademais, destaca pola conservación da estrutura tradicional do hábitat, así como unha paisaxe rica en patrimonio arqueolóxico e etnográfico.
Os relatores do seminario abranguen distintos ámbitos de coñecemento. Entre eles figura a arqueóloga Vanesa Trevín, que dirixe as escavacións do castro de Doade e desenvolve diversos proxectos de posta en valor de xacementos e patrimonio en Galicia, ademais de ter colaborado en proxectos en diversos puntos de España así como en proxectos internacionais en Italia, Portugal ou Reino Unido. Pola súa parte, o antropólogo Rafael Quintía compaxina o seu traballo profesional coa docencia e é especialista en patrimonio inmaterial e posta en valor do patrimonio. Autor de vinte libros sobre esta temática e un centenar de artigos, colabora con numerosos xornais, así como en radio e televisión. Tamén participa Paula Ballesteros, historiadora, antropóloga e arqueóloga do CSIC, que centrou o seu traballo de investigación en pescudar sobre as etapas cronolóxicas e os procesos formativos que deron lugar á paisaxe agraria actual en Galicia.
O seminario comezará o mércores, 4 de maio, ás 10.30 horas coa apertura a cargo do director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza. A continuación realizarase a visita ao ámbito do castro de Doade e xa pola tarde e nas xornadas seguintes desenvolveranse as conferencias a cargo dos distintos relatores, que versarán sobre temas como o patrimonio inmaterial e a construción cultural da paisaxe, a arquitectura e etnografía da paisaxe rural galega e a súa transformación no tempo ou o desenvolvemento de proxectos de paisaxe. Un dos aspectos máis importantes do programa será o traballo en grupos, xa que na clausura presentaranse as propostas de posta en valor dos equipos participantes.
As persoas interesadas poderán obter información sobre a programación e inscricións na seguinte ligazón antes do 29 de abril aquí.