O proxecto ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II continúa dando pasos para avanzar na folla de ruta e consolidar hábitos alimentarios saudables e sostibles desde os comedores colectivos (escolares e empresariais) participantes, ao tempo que potencia a produción agroecolóxica local, os circuítos curtos de comercialización e, como consecuencia derivada, a creación de riqueza na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Desde a presentación pública en febreiro pasado, unha decena de produtores sumáronse ao proxecto e, en próximas datas, está previsto dar de alta novas peticións. As exploracións actuais son cooperativa Colectivo Xebre (comarca de Bergantiños), Horta das Táboas (A Laracha), Horta da Lousa (Cerceda), Labrecos e Renacer (Oza-Cesuras), Horta da Moura (Bergondo), Raíña Paraíso (Vilasantar), Seitura (Paderne) e Os Biosbardos (Cambre).
Hai unhas semanas, o grupo recibiu a visita do asesor de agricultura ecolóxica, o catalán Jordi Puig Roca. O experto viaxou desde Cataluña para, durante tres xornadas, analizar a calidade do solo en todas as parcelas. A visita tamén lle serviu para facer unha primeira prospección e avanzar nunha planificación conxunta entre a decena de produtores que dea resposta á demanda das 6 escolas infantís e centros educativos da Coruña e da contorna participantes que participan en ECOCOMEDORES II (EIM A Caracola e Cativos, EI As Mariñas, Ventorrillo, Sta. María de Oza, Elviña; CPR Andaina e CEIP Bragade).
En todas as parcelas fixo unha análise visual do perfil do solo e tomou mostras de terra para avaliar a fertilidade do solo e o contido en micro e macro nutrientes asimilables, xa que, como explicou, “pode haber moito calcio, pero non estar dispoñible para absorción das plantas” o que vai en detrimento da súa vitalidade. Como segundo paso, e mediante entrevista directa cos produtores, fixo unha radiografía da produción actual para, en base á capacidade produtiva e preferencias de cada un, esbozar o calendario de cultivos.
Os resultados desta consultoría plasmaranse nun informe que servirá, por unha banda, para iniciar a planificación conxunta e coordinada na decena de explotacións participantes en ECOCOMEDORES II e, pola outra, para prover aos comedores durante todo o curso escolar de hortalizas e verduras variadas e de tempada.
Con independencia dos resultados da auditoría e para empezar a potenciar a calidade do solo, Puig Roca recomendoulles aos produtores elaborar o seu compost con recursos propios e da contorna máis próxima para, de paso, reducir a dependencia de insumos externos. “Hai unha diversidade interesante entre as explotacións que, desde o meu punto de vista, poden aproveitar un tecido de comercialización moi potente, que vai desde os centros educativos aos comedores colectivos de empresas como Inditex.” valoraba Puig Roco ao tempo que os animou a manter unha relación fluída e “franca” entre todos os actores do proxecto.
Ademais de organizar e prestar asesoramento técnico aos produtores, unha nutricionista está facendo o mesmo coas escolas para a confección de menús equilibrados e adaptados á temporalidade do produto do agro.
Visita de estudo a Valencia
Desde o inicio de ECOCOMEDORES II a finais de 2023, lévanse activadas varias fases de traballo para actuar e conectar todos os elos da cadea: cultivo - loxística, centros de consumo e gobernanza.
Tras a visita do asesor en agricultura ecolóxica, este luns 3 e martes 4 de xuño unha representación dos socios viaxará a Valencia para coñecer en persoa o proxecto Horta-Cuina e o seu centro de acopio cooperativo da Ecotira. Igual ca ECOCOMEDORES II, os valencianos recolleron a experiencia doutras iniciativas que lles levan uns 16 anos de vantaxe neste percorrido pola alimentación saudable como son Ecocomedores de Canarias, Vallaecolid en Valladolid ou Ekoalde en Navarra. Na xornada de presentación pública de febreiro, os galegos xa coñeceron o modelo programa de menús “Hemengoak - De Aquí” para as escolas infantís municipais do Ayuntamiento de Pamplona.