Oleiros, 8 de xullo de 2016.- A Casa do Concello de Castro de Rei (Lugo) acolleu hoxe a presentación da Guía de Boas Prácticas Paisaxísticas na Terra Cha, elaborada polo Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, impulsada e financiada pola Fundación Blas de Ponte de Outeiro. O acto contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado, e o secretario da Fundación Blas de Ponte de Outeiro e presidente do Grupo Agroamb, Severiano Ónega. Ademais, acudiron veciños da zona interesados por coñecer a análise paisaxística da súa contorna cotiá e o xeito en que poden contribuír á súa conservación e posta en valor.
Esta guía ten como obxectivo aproximar á poboación da Terra Chá á súa paisaxe, descubrir con ela o seu valor e propoñer recomendacións nas intervencións sobre os elementos do territorio que axuden a un desenvolvemento sostible do medio rural e á súa mellora paisaxística, contribuíndo á revitalización patrimonial e socioeconómica da contorna. Así, propón fórmulas para atopar o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación dun valioso patrimonio tradicional e natural, acadar a integración harmoniosa do conxunto, onde as edificacións, cultivos e espazo público poidan ser lidas como unha unidade, e mesmo entender as especificidades da paisaxe da zona e a súa relación cos elementos construídos. O documento remata cun decálogo de boas prácticas e recomendacións específicas co fin de contribuír a que a integración paisaxística se desenvolva dun xeito sinxelo e de calidade.
No transcurso do acto, a conselleira apelou á sensibilización e ao compromiso de toda a sociedade para protexer e conservar a paisaxe galega e cualificou o documento presentado hoxe como un magnífico complemento a nivel local ás iniciativas en materia de paisaxe que está a impulsar o goberno galego. “Hai poucas cousas que definan tanto a Galicia e aos galegos como a paisaxe”, considerou Mato, quen salientou a especial importancia que a paisaxe ten nesta comarca “que leva as súas grandes chairas na raíz do seu xentilicio”.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega subliñou o feito de que este traballo sexa o froito da iniciativa da sociedade civil, e que foran dúas fundacións privadas as que fixeran realidade este proxecto. A directora da Escola Galega da Paisaxe explicou o contido desta guía, que cualificou como moi importante para que a xente sexa consciente do valor do patrimonio tan fantástico que ten. Neste documento faise unha profunda análise paisaxística e patrimonial da Terra Chá, estudando fundamentalmente catro puntos: os camiños e sendeiros, edificacións de vivendas, edificacións industriais e peches. “Eses elementos articulan, coa vexetación e a natureza, a calidade desa paisaxe”, explicaba Isabel Aguirre, para engadir que é necesario poñelo en valor para que a xente se sinta orgullosa do seu patrimonio paisaxístico, o conserve, coide del, e transmita esa mensaxe.