Oleiros, 8 de setembro de 2017.- O seminario “As paisaxes culturais da montaña galega” será o foro de debate e intercambio de coñecementos sobre a cultura propia das paisaxes de montaña en clave de futuro, do 6 ao 8 de setembro, no municipio da Veiga. A presentación desta iniciativa cultura tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; a directora da Escola Galega de Paisaxe Juana de Vega, Isabel Aguirre; e o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Valerià Paül.
O vicepresidente do goberno provincial explicou que este seminario “ofrece un programa variado entorno a esta cuestión de importancia, xa que a paisaxe é algo dinámico co que debemos convivir e coidar”, e engadiu, “neste seminario vai a haber realidade de estudo e innovación cunha serie de reflexións baseadas da posta en valor, planificación e conservación entre patrimonio, paisaxe, restauración dos elementos materiais considerados patrimoniais, e estas reflexións deben alimentar a experiencia práctica”.
A Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega é unha institución creada a partir da herdanza que deixou este persoeiro que dedicou toda a súa vida á xente do rural e á educación dos nenos, e deixou a súa fortuna para crear esta Fundación dirixida á conservación e á protección do rural. Nese senso, a Fundación, no ano 2008, decidiu crear a Escola Galega da Paisaxe entendendo que un dos patrimonios máis importantes que ten Galicia é a súa paisaxe. “Nese contexto, a Escola realiza diferentes actividades dedicadas á divulgación, á investigación e á traballos que traten de concienciar á sociedade do valor que teñen as nosas paisaxes”, explicou Isabel Aguirre.
“Galicia ten máis biodiversidade ca toda Francia o cal é un dato moi importante que nos pode falar da riqueza do noso patrimonio natural”, engadiu a directora da Escola Galega de Paisaxe Juana de Vega, quen sinalou que “xa temos 20 inscritos na actividade, o que demostra o interese que ten a sociedade sobre esta temática”. Valerià Paül sinalou que este seminario pretende “traer a expertos da área de montaña doutros lugares do mundo, sobre todo da Península Ibérica, no que se intentará pensar cómo determinadas perspectivas de estudo e ordenación se poden aplicar á nosa montaña cun foco na cuestión cultural”.
O curso, que está dirixido a tódalas persoas interesadas nesta materia, ten “vocación de futuro referíndonos, sobre todo, a que este territorio aumente a súa autoestima, en termos paisaxísticos, se dea conto do valor que ten, e que repercuta no seu desenvolvemento socioeconómico”, explicou o profesor da USC. Outros dos obxectivos deste seminario é que “o debate que xorda nel durante eses días, desemboque nunha publicación que intentará recoller sobre todo os debuxos e as propostas de tipo máis formal e visual que fagan os diferentes grupos que participen no seminario”, engadiu Valerià Paül. O alcalde da Veiga dixo que este curso “esperamos mantelo no tempo porque as paisaxes son un dos grandes valores de Galicia, e temos que reivindicar a importancia da paisaxe galega e poñela en valor por medio deste tipo de actividades”. Os interesados en participar poderán matricularse a través da deste enderezo ata o día 3 de outubro. O aforo é limitado e pecharase por orde de inscricións.