As I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa abren un foro de coñecemento para reflexionar sobre este modelo agrario resiliente fronte ao cambio climático

Share

As I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, organizadas pola Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI, comezaron hoxe no MUNCYT e na DOMUS (charla divulgativa ás 19:00h) e prolongaranse ata mañá venres 23 con saídas a campo (10–13:30h) á explotación hortícola Os Biosbardos (Cambre) ou á Gandería Roidiz (As Pontes de García Rodríguez). Entre inscritos e convidados, no Museo de Ciencia y Tecnología xuntáronse unhas 80 persoas de diferentes perfís, desde particulares, a técnicos do sector ou de institucións públicas, así como propietarios, traballadores e responsables de empresas da cadea de valor do agro.

A inauguración oficial correu a cargo de Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega; de Julio Casal, da Fundación CorBI; e do director dos museos MUNCYT España, Fernando Fontes, que viaxou desde Madrid para asistir ao evento. “Os galegos chamamos Terra ao noso país, sentimos as raíces. Temos que coidala, mantela en boas condicións, dentro dunha paisaxe diversa e fornecendo froitos saudables para nós e para ela, para que acubille a moitas xeracións máis. Estas xornadas son unha grande oportunidade para aprender e reflexionar sobre todo isto”, destacaba Enrique Sáez na apertura.

Coa convocatoria deste foro de coñecemento, os promotores quixeron sumarse ao debate para, por unha banda, ser partícipes dun cambio de paradigma que xa se practica con éxito en todo o mundo aínda que non é maioritario. Pola outra, facilitar formación aos profesionais do sector agropecuario de Galicia para que teñan a información necesaria para elixir e pasar da agricultura convencional á rexenerativa.

O manexo rexenerativo é unha práctica integral de xestión agrícola que pon unha forte énfase na mellora e rexeneración do solo, incluíndo o seu compoñente biolóxico. Esta transición non só ten implicacións ambientais ao facer que a agricultura e gandería sexan máis resilientes ao cambio climático e teñan un menor impacto na saúde ambiental e humana, senón que tamén garante a viabilidade económica dos produtores ao permitirlles aumentar as colleitas e reducir os custos de produción, especialmente en combustible e agroquímicos, contextualizaba, Xavier Domene, investigador do CREAF (Centro público de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais) de Cataluña, e responsable de poñer voz á visión científica do coidado do solo.

A través do enfoque rexenerativo “búscase non só incrementar as colleitas, senón tamén facer a actividade agrícola máis sostible económica e ambientalmente, o cal é de gran interese no contexto actual de cambio climático e crecemento poboacional”, puntualizaba.

Un novo perfil para o profesional do agro
“Antigamente, o esforzo no campo era físico; coa agricultura industrial recaeu nas máquinas e co modelo rexenerativo, o esforzo hai que facelo no deseño previo e por iso necesitamos xente formada. Unha vez feita a plantación, o mantemento é mínimo. Pensemos nun bosque comestible”, argumentaba a bióloga, permacultura e divulgadora, Edith Uhía, encargada do relatorio de presentación sobre o modelo rexenerativo.

Segundo estudos científicos, o solo fértil esgotarase en 55 anos. O modelo rexenerativo, aplicado tanto na agricultura como na gandería, ofrece solucións inmediatas xa que se non temos terra para cultivar “imos ter un grave problema e poñerlle remedio é necesario pola propia supervivencia do ser humano. O planeta vai seguir igual sen nós”, continuaba. Empregando as técnicas rexenerativas, “nun ano pódese recuperar, por exemplo, unha canteira á que, de forma natural, lle levaría 100”.

Cales son as técnicas do modelo rexenerativo?
Basicamente, técnicas que a natureza leva pulindo millóns de anos como mínima labranza da terra, uso de cobertura e abonos verdes, fertilizantes orgánicos, pastoreo planificado, mellor aproveitamento da auga, en particular da de chuvia, ou busca do equilibrio mineral e microbiolóxico do solo.

Franscesc Font, que tamén viaxou desde Cataluña para participar nas Xornadas, explicou a súa experiencia e resultados reais de máis de dez anos desde que “un súper agricultor convencional coma min se pasou á agricultura rexenerativa nunha finca familiar de 40 hectáreas. Vía que non era un futuro viable para nós, para o solo, para o peto nin para o futuro do planeta. Non quería prexudicar.” En paralelo, a través da súa consultoría The Regen Academy, Font leva implantado máis de 50 leiras rexenerativas por todo o mundo, desde particulares a outras propiedade de grandes empresas como Pepsico, Danone ou de cooperativas. Cre que non é un modelo maioritario por falta de coñecemento e polo medo ás novas técnicas xa que supoñen un cambio de paradigma ao minimizar o laboreo ou eliminar os produtos de síntese química. “Este non é un modelo cortoplacista, hai que cambiar os tempos para adaptarnos aos ritmos da natureza”. Por todo isto considera estas Xornadas “trascendentais” para dar axudar a difundir unha nova maneira de traballar no campo.

No mesmo sentido expresáronse o agroecólogo e enxeñeiro agrónomo Xan Pouliquen, así como o agricultor sintrópico Jaime Otero e o asesor e gandeiro rexenerativo Antonio Tucci destacando que este encontro é un espazo para compartir accións e formas de traballar pouco coñecidas, pero efectivas como están demostrando día a día. “Ten que haber novos actores que axuden a multiplicar o modelo rexenerativo”, reflexionaba Otero. Tucci tamén amosou varios casos de éxito de granxas coas que traballa incluída a súa propia situada en Vilariño de Conso (Ourense).

Non é unha utopía, charla aberta na DOMUS
Tras cerrar o evento no MUNCYT, á tardiña (19 a 20.30h), o escenario das I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa trasladarase ao museo DOMUS. Alí terá lugar a charla de acceso libre conducida pola divulgadora e presidenta da Asociación de Agricultura Regenerativa, Ana Digón. En declaracións previas, sinalaba: “O sistema agroalimentario actual está en crise total, non se sostén, e temos que implementar alternativas que non son utopías porque xa estamos vendo resultados reais. Temos que construír a resiliencia dos sistemas agrolimentarios empezando polo solo, que é a base de toda a vida.”

Organización e colaboradores
Acompañando aos organizadores das I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa colaboran a hortícola Os Biosbardos, Soñando en Verde, Gandería Roidiz; o Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), a través do MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España); e o Concello da Coruña a través da rede de Museos Científicos Coruñeses.

Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega: “Os galegos chamamos Terra ao noso país, sentimos as raíces. Temos que coidala, mantela en boas condicións, dentro dunha paisaxe diversa e fornecendo froitos saudables para nós e para ela, para que acubille a moitas xeracións máis. Estas xornadas son unha grande oportunidade para aprender e reflexionar sobre todo isto”