Allariz, sede este ano da entrega de Vilas en Flor, obtén o maior recoñecemento xunto con Chantada no certame que premia os concellos con mellor xestión de espazos verdes

Share

Oleiros, 18 de novembro de 2021.- A edición 2021 do programa "Vilas en Flor" puxo onte o broche de ouro coa cerimonia de entrega dos galardóns, celebrada no Museo do Coiro de Allariz, coa asistencia da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o coordinador do programa e director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza, e Javier Padín Martínez, Manuel Rodilla e Silvia Caffaro en representación do xurado. A anfitrioa deste acto foi a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, que ademais tivo dobre protagonismo porque de novo o seu concello obtivo o maior recoñecemento da edición, con catro flores de honra.

Este certame, impulsado pola Fundación Juana de Vega, ten como obxectivo a procura da mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos a través das súas iniciativas a prol da posta en valor, conservación, integración e mantemento da súa paisaxe urbana e rural. Criterios que, segundo estimación do xurado, cumpre de xeito exemplar, ademais de Allariz, o Concello de Chantada, que obtivo tamén catro flores de honra.

Este ano, o cuarto en que se celebra este certame que segue o modelo de grandes pioneiros en paisaxismo como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá, bateuse o récord de participación, con 30 municipios. Todos eles recibiron entre unha e catro flores de honra, coas que se valoraron as accións desenvolvidas para mellorar e resaltar os seus espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Ademais da Fundación Juana de Vega, organizan o certame a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), e co parocinio de destacadas empresas: Rain Bird, Husqvarna e Piaggio Commercial. Tamén foi fundamental a aportación do equipo de xurado, formado por dez expertos, desde docentes universitarios ata enxeñeiros agrícolas de entidades públicas e privadas, arquitectos e mesmo historiadores, tanto de Galicia como de Portugal. Conformados en cinco grupos, tras realizar as correspondentes visitas procederon a consensuar as avaliacións en base aos criterios do sistema de valoración. Todos eles destacaron a excelente disposición, interese e facilidades amosadas tanto polos responsables técnicos como institucionais dos concellos nos que se realizaron as visitas e que acompañaron aos membros do xurado durante os percorridos polas localidades.

O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Por tanto, o xurado avaliou aspectos como a adecuada implantación e xestión dos espazos verdes realizada polos concellos, así como a contribución das súas políticas ambientais ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas.

Como resultado das súas valoracións, ademais das catro flores de honra para Allariz e para Chantada, o xurado outorgou tres flores de honra aos concellos de Gondomar, San Sadurniño, Narón, Mondoñedo, Salceda de Caselas, Ponteceso, Caldas de Reis, Fene, A Guarda, Cambados, Lalín, Salvaterra de Miño e Tomiño. Obtiveron dúas flores os concellos de Baiona, O Carballiño, Culleredo, Cuntis, Pontedeume, Sada, Sarria e Vilagarcía. Concedeuse unha flor aos concellos de Betanzos, Ortigueira, Tui, Oza-Cesuras, Miño, Mondariz e Guitiriz.

EXPERTOS INTEGRANTES DO XURADO

  • María Isabel Iglesias Díaz. Doutora en Ciencias Biolóxicas. Profesora titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Carlos Cárcamo Álvarez. Enxeñeiro técnico agrícola do Concello de Ourense.
  • Camino Nicolás Velado. Directora do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.
  • Lois Arenas Barreiro. Enxeñeiro Técnico Agrícola. Xefe de explotación CFEA Guísamo.
  • Silvia V. Caffaro. Doutora Enxeñeira Agrónoma. Empresa: Viveros Florgalicia S.L.
  • Xurxo Xoán González Conde. Administrador de Viveiros Adoa
  • Domingos Manuel Mendes Lopes. Director da Graduation de Arquitetura Paisagista da UTAD. Profesor do Departamento de Ciências Florestais e Arquitetura Paisagista da Universidade de Trás-os-Montese Alto Douro (UTAD).
  • Manuel Torres Labandeira. Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Profesor titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Manuel Rodilla del Barrio. Arquitecto Técnico.
  • Javier Padin Martínez. Arquitecto técnico e historiador.

O certame, impulsado pola Fundación Juana de Vega, bateu récords de participación, con 30 concellos que obtiveron entre unha e catro flores de honra recoñecendo a posta en valor da súa paisaxe urbana e rural

A conselleira de Medio Ambiente e a alcaldesa de Allariz presidiron o acto, xunto co presidente da Fundación Juana de Vega, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, o coordinador do programa e representantes do xurado

Na entrega das distincións participaron representantes da organización: Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), xunto con representantes das entidades patrocinadoras, Rain Bird, Husqvarna e Piaggio Commercial