A Fundación Juana de Vega traballa con Medio Rural na mobilización de 300 hectáreas abandonadas na comarca de Lemos para a súa explotación

Share

Oleiros, 23 de xuño de 2017.- A Fundación Juana de Vega está a traballar coa Consellería de Medio Rural na mobilización de preto de 300 hectáreas abandonadas na comarca de Lemos co fin de poñelas a disposición das explotacións interesadas da zona e así ampliar a súa base territorial. Ese é o fin principal do convenio de colaboración que asinaron hoxe a conselleira, Ángeles Vázquez, e o presidente da fundación, Enrique Sáez, para rematar o proxecto “Mobilización de terras no Val de Lemos”.

A través deste acordo vaise a regular o uso e aproveitamento de parcelas con vocación agraria, co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terreos para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio, entre outros. O obxectivo xeral do proxecto é a mobilización produtiva de terras con potencialidade agrícola, tanto dinamizando a oferta como a demanda, a través da cooperación público-privada.

A Fundación Juana de Vega ven desenvolvendo desde o ano 2016, en colaboración co Grupo de Investigación Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago, o proxecto “Mobilización produtiva de terras no Val de Lemos” ao que agora, coa sinatura deste convenio, se suma a Consellería do Medio Rural. Trátase dun proxecto de carácter piloto, que se desenvolve nesta contorna polas súas especiais características en canto a produtividade agraria e o grado de abandono das terras, e ten por obxectivo lograr a mobilización efectiva de terras agrarias para a súa posta en produción, tanto para potenciais demandantes locais como doutras zonas de Galicia. Para acadar estes obxectivos o proxecto formulouse en catro fases, que abranguen desde a identificación, caracterización e selección de zonas piloto potenciais ata a movilización efectiva da oferta de terras en estado de abandono. Na actualidade estase traballando precisamente na definición da estratexia a seguir para o estímulo da oferta de terras nas zonas piloto inicialmente seleccionadas.

As zonas piloto identificadas atópanse nos concellos lucenses de Monforte, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, O Saviñao e Sober. No marco do proxecto tamén se ten identificada a demanda existente na zona, que fundamentalmente se centra en granxas e cooperativas de vacún de leite, aínda que tamén hai interese por parte de explotacións de vacún de carne e de horta. Agora, a Xunta terá que mediar entre os donos e os interesados con diferentes accións como arrendamentos, co obxectivo de ofrecer garantías xurídicas a todas as partes implicadas. O período de vixencia do convenio rematará o 31 de decembro do 2018 e ten un orzamento de algo máis de 100.0000 euros, dos que a Fundación Juana de Vega achega unha contía de 40.000 euros.

A conselleira do Medio Rural, çngeles Vzquez, asinar un convenio de colaboracin coa Fundacin Juana de Vega para rematar o proxecto de mobilizacin de terras no Val de Lemos.

Durante o último medio século a sociedade galega pasou de ser maioritariamente campesiña a estar maioritariamente terciarizada. Dende primeiros dos anos 60 o número de ocupados na agricultura dividiuse por trece, pasando de representar o 60% da poboación activa no 1959 ó 5,4% no 2012, ó tempo que a agricultura galega se acomodou ó paradigma da Revolución Verde cunha forte mecanización, intensificación e especialización gandeira, fundamentalmente de vacún de leite e carne. Nese contexto, foron moitas as explotacións familiares que pecharon, mentres que o núcleo de explotacións altamente especializadas conseguiron aumentar a produción final agregada. Non obstante, o proceso modernizador que permitiu multiplicar por tres a produción final agraria levou aparellado a perda de practicamente a metade da superficie agrícola xestionada, fundamentalmente pastos, aínda tendo en conta a forte especialización na gandería de vacún. Ese é un dos motivos polos que o valor engadido bruto da agricultura galega tan só se duplicou, como resultado do abandono dun factor produtivo básico como a terra. O resultado foi que ninguén xestiona grandes áreas anteriormente cultivadas, mentres que existen explotacións que demandan terra para incrementar a súa dimensión e manter a competitividade no mercado.

O presidente da fundación e a conselleira asinaron hoxe un convenio para rematar un proxecto de aproveitamento do territorio no Val de Lemos

A Fundación Juana de Vega aportará ao proxecto unha partida de 40.000 euros, que se suman aos 62.000 previstos pola Xunta, con vixencia ata o 31 de decembro de 2018